O BNG pide a Xunta celeridade nos informes para aprobar o plan de protección das Catedrais

Praia das Catedrais
Praia das Catedrais

Olalla Rodil reclama máis persoal, un novo aparcadoiro, transporte público e un centro para informar e sensibilizar aos milleiros de visitantes, tanto pola súa seguridade como para conservar este monumento natural

A deputada por Lugo, Olalla Rodil, reclamou á Xunta no Parlamento colaboración entre administracións, en particular co concello de Ribadeo, e que axilice os informes que faltan para poder aprobar este mesmo ano o Plan especial de protección das Catedrais, máxime tras o grave accidente que custou a vida a unha visitante durante a pasada semana santa, datas no que este enclave natural recibiu milleiros de turistas.

“As perdas persoais son irreparables, mais este accidente ten que servir para reflexionar, para analizar a xestión, a planificación, a protección e a conservación que se está a desenvolver deste espazo e cales deben ser as medidas a adoptar”, salientou a deputada nacionalista.

Olalla Rodil argumentou que As Catedrais son un espazo excepcional, único, protexido, catalogado como monumento natural, “pero se algo hai que ter en conta é que se trata dun espazo vivo, dinámico, cuxa visita conleva uns riscos e por iso non pode ser concibido, nin xestionado, como un areal convencional porque non o é”, alegou.

Neste sentido, e tras subliñar que o concello de Ribadeo xa asume integramente as súas competencias, que son a información turística, a limpeza e a dotación de socorristas, demanda da Xunta “que ordene o tráfico cun novo aparcadoiro, que fomente o transporte colectivo e público, o autobús e o FEVE, que cree un centro de visitantes no que informar e sensibilizar aos turistas arredor do espazo que van visitar, dos riscos e das precaucións que se deben adoptar”, reclamou a parlamentaria.

A deputada por Lugo subliñou igualmente que é preciso que o Goberno galego dispoña persoal “que desenvolva unha campaña informativa, que advirta dos riscos ao longo de todo o ano porque a praia das Catedrais non ten unha porta que se lle poida pechar”, alegou, ademais de reclamar medidas de seguridade para garantir unha “xestión ordenada” e a seguridade dos milleiros de visitas a este monumento natural e, ao mesmo tempo, garantir a conservación de todo o paraxe das Catedrais.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG