O BNG reclama ao Goberno galego que incremente o orzamento destinado á prestación do servizo de xustiza gratuíta para equiparalo ao investimento medio por habitante realizado no resto do Estado. Así o demandou no Parlamento galego o deputado Iago Tabarés, quen subliñou que a Xunta dedica a esta finalidade menos de catro euros por habitante, o que representa un 50% menos da media estatal, segundo os datos do último informe do Observatorio de Xustiza Gratuíta elaborado polo Consello da Avogacía Española e a Fundación Wolter-Kluwert.
Tabarés engadiu que o investimento en xustiza gratuíta representaba en 2019 un 3,8% do realizado no Estado, cando tan só cinco anos antes era do 4,9%, polo que afirmou que as estatísticas demostran que “imos a peor”. Neste sentido advertiu de que non se pode confundir o incremento orzamentario reclamado coas axudas directas ás persoas autónomas da avogacía e da procuradoría articuladas fronte á paralización da súa actividade durante o estado de alarma. “Pedimos que se equipare o orzamento da Xunta á media por habitante do Estado, á marxe das axudas”, recalcou.
Nunha proposición non de lei que foi rexeitada polo PP, o portavoz nacionalista de Xustiza recordou a necesidade de incrementar o investimento destinado ao funcionamento e xestión da quenda de oficio, á atención á persoa detida e ao servizo de asistencia xurídica gratuíta. “Tanto a xustiza gratuíta como a quenda de oficio son partes dun sistema para facer efectivo o dereito fundamental á defensa”, subliñou.
Nesta liña, o deputado nacionalista tamén lembrou o ofrecemento da Xunta para realizar unha “doazón” aos e ás avogadas autónomas inscritas na quenda de oficio e que foi rexeitado polo Consello da Avogacía Galega por considerar que non resolvía as urxentes necesidades do colectivo nin viña a mellorar a prestación do servizo público de xustiza gratuíta. Así pois, Tabarés concluíu que o razoable é incrementar o orzamento global destinado á xustiza gratuíta.