Parlamento Galego

O BNG pide á Xunta que aclare se é obrigatorio o uso da máscara para desenvolver a actividade do marisqueo

Mariscadoras
Mariscadoras (arquivo)
En caso de que así sexa, propón que se lle facilite as traballadoras máscaras acaidas ás características do traballo que desenvolven no mar

O BNG presentou unha batería de iniciativas no Parlamento para que a Xunta aclare se as persoas que traballan no marisqueo a pé, a maioría mulleres, deben levar ou non a máscara tendo en conta que traballan ao aire libre e a unha distancia superior a 1,5 metros, ao tempo que critica a falta de claridade nas instrucións en relación ao COVID19 neste sector.

O Consello da Xunta do 12 de xuño, explica a portavoz de pesca, Rosana Pérez, na proposición non de lei, adoptou unha serie de medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que foron modificadas por un novo acordo do 25 de xuño. Entre esas modificacións recollíase o uso obrigatorio da máscara en determinadas circunstancias, tanto ao aire libre como en espazos pechados de uso público ou abertos ao público. E finalmente producíronse novas modificacións no Consello da Xunta do 17 de xullo.

Neste último, amplíanse os supostos aos que se aplica a obriga xeral do uso da máscara, establécense normas específicas e contémplanse excepcións  a esa obriga, que non se exixirá, entre outros supostos, “nas praias e piscinas, durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse e sempre que se poda garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non convivintes. En calquera caso, será obrigatorio o uso da máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias e piscinas”.

O 14 de setembro arrancou a campaña marisqueira 2020/21 e, nos días previos ao seu comezo levouse a cabo a instalación de carteis informativos da Xunta sobre a “prevención e saúde laboral ante o coronavirus”, tanto para o marisqueo a pé como a flote. No caso concreto do marisqueo a pé, os carteis recollen que “o uso de máscara é obrigatorio aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros”.

“Resulta evidente que, a estas alturas, a proliferación de normas e a sucesiva modificación das mesmas non ten contribuído a que a sociedade en xeral, e os distintos ámbitos de traballo en particular, distingan cales son os supostos  nos que a máscara é de uso obrigado ou en cales non o son. Mais esta situación vólvese aínda máis confusa cando as normas non están suficientemente  definidas e cando é a propia administración a que se contradí a si mesma nas distintas normativas e nas súas mensaxes á cidadanía”, alega a portavoz de Pesca, Rosana Pérez.

Ademais, o uso da máscara nun traballo como é o marisqueo a pé, na auga, é posíbel que non sexa moi viábel debido ás características da actividade e a que non están deseñadas para un traballo en húmido, e mesmo poden representar un perigo para as persoas que a leven a non ser que se deseñen cun material axeitado ao medio mariño.  Igualmente,  habería que ter en conta que as traballadoras están ao aire libre e a máis de 1,5 metros de distancia.

En base a toda esta argumentación, o Bloque presenta unha proposición non de lei na que insta ao Goberno galego a precisar a exixencia ou non da máscara para as traballadoras do sector do marisqueo a pé e, no caso de obrigatoriedade, a proporcionarlle aquelas cuxo material de protección sexa adecuado para o medio mariño.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG