O BNG pide que @s traballador@s de Ferroatlántica poidan comparecer no Parlamento Galego

ANAPONTON RPLUNS15MAIO17
Ana Pontón
  • Ana Pontón defende criterios políticos contra a segregación: “É legal que Villar Mir, investigado por financiamento ilegal do PP, dea un pelotazo de 255M€?”
  • Insta a participar na manifestación convocada por Queremos Galego con motivo do Día das Letras Galegas

A intención de Villar Mir, investigado por presunto financiamento ilegal do PP, de facer caixa coas centrais do Xallas non é unha cuestión técnica e xurídica, como enfatiza a Xunta, senón unha cuestión política. Así o defende a portavoz nacional, Ana Pontón.

“É unha cuestión política e, desde o BNG, formulamos unha pregunta: É legal permitirlle a unha multinacional dar un pelotazo a costa dos nosos ríos, é legal permitirlle ao imputado Villar Mir dar un pelotozo de 255M€ a costa de liquidar 300 empregos na Costa da Morte, é legal permitirlle un pelotazo de 255M€ a unha multinacional dirixida por un condenado polas tarxetas black e tamén imputado por financiamento ilegal do PP?”, argumenta Pontón.

A dirixente do Bloque conclúe que o único “legal” con Galiza é impedir a segregación e venda das centrais dos ríos Xallas e Grande, “porque os recursos naturais de Galiza teñen que estar a disposición deste país e non para que Villar Mir especule cun ben público para, de xeito literal, coller a pasta e largarse”.

En relación á segregación e posterior venda que solicitou o empresario madrileño, o BNG propón que unha representación dos e das traballadoras de Ferroatlántica comparezan no Parlamento para explicar a súa posición en contra desta operación especulativa, tendo en conta que “o único plan industrial real para a comarca é o vínculo entre explotación eléctrica e a industrial recollida na concesión”.

Neste sentido, e ante o rosario de promesas da multinacional, o BNG lembra que desde que Villar Mir adquiriu Ferroatlántica o emprego nas plantas pasou de 500 a 300 postos de traballo, que os 700 empregos reiteradamente anunciados nin están, nin se esperan e que investimentos como a construción do famoso forno 23 en Dumbría é unha promesa anunciada fai 16 anos pola que a empresa recibiu 2,5M€ que agora volve a sacar da chistera.

“Feijóo ten que estar á altura das circunstancias e non pode ceder á chantaxe de Villar Mir, a través desta pretensión de venda especulativa que só buscar facer caixa con recursos públicos para pagar débedas das súas empresas fora de Galiza”, indicou Pontón.

Documentación

A dirixente do Bloque tamén reclamou a comparecencia urxente en Pleno do presidente da Xunta para que explique a posición do Goberno galego, agora que xa non pode seguir escudándose na ausencia dunha socilitude oficial por parte de Ferroglobe.

Neste sentido, Pontón tamén solicitou a remisión inmediata ao Parlamento de toda a documentación presentada pola multinacional para xustificar a súa petición de segregación e venda das centrais, así como unha reunión urxente coa representación do cadro de persoal “que levan meses petando nas portas da Consellería de Industria”.

Celebración 17M

En véspera da celebración do Día das Letras Galegas, a portavoz nacional convidou a participar na manifestación convocada por Queremos Galego en defensa do idioma, “para amosar, cun sorriso, o orgullo de lingua propia”. O galego, indicou Pontón, “é o que máis nos une, é unha creación do pobo galego que nos sitúa no mundo”, dixo, tras demandar de Feijóo que cambie a súa política língüicida como demostra o feito de que é o único idioma de todos os do Estado que perde falantes.

“É necesario estimular e presumir do uso do galego en todos os ámbitos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG