BNG pide que o regulamento de vixilancia pesqueira non se aplique á frota de baixura porque faría inviable a súa actividade

Encontro sector pesqueiro
Encontro sector pesqueiro

Encontro cos responsables dos portos, confrarías e frotas con base en Celeiro e Burela. Propón unha compensación directa para paliar o efecto do Brexit

Demanda que os mariñeiros sexan considerados colectivo preferente na vacinación anti COVID e que Galiza participe nas negociacións con Reino Unido

Apoia que San Cibrao teña autoridade portuaria propia e reclama unha solución para a frota de palangre con 590 toneladas de marraxo que non pode comercializar

BNG mantivo un encontro ao máximo nivel co sector pesqueiro da Mariña, cunha delegación encabezada pola portavoz nacional, Ana Pontón, e da que formaban parte a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda; a portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez; e Daniel Castro e Carme Aira como deputadas e deputados por Lugo, así como responsables comarcais da formación como a alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida.

Un cumio pesqueiro que contou coa participación dos representantes dos Portos de Burela e Celeiro, das frotas e das confrarías mariñáns e da Axencia de exportación da Mariña.

Entre os asuntos tratados nesta reunión de traballo, o regulamento de control da pesca, o actual sistema de cotas, o impacto do Brexit, a vacinación dos mariñeiros ou a problemática da frota de palangre.

En relación ao regulamento de control da actividade pesqueira aprobado fai un mes de xeito provisional pola Comisión europea de pesca, para o BNG demostra “até que punto se lexisla na Unión Europea ignorando a realidade da frota galega”, denunciou a portavoz nacionalista.

Para o Bloque non ten sentido instalar cámaras abordo, a xeolocalización permanente ou facer obrigatorio o diario electrónico de pesca para embarcacións a partir dos 4 metros, porque a frota galega é maioritariamente artesanal e de baixura e pesca nas rías en mareas de menos de 24 horas. “É un disparate e un sen sentido e imos defender en Bruxelas e no Parlamento que se exclúa a frota de baixura porque este regulamente faría inviable a súa actividade e mesmo suporía un risco ”, recalcou Pontón.

O impacto do Brexit tamén foi abordado neste cumio co sector pesqueiro da Mariña, tendo en conta que Galiza dispón do 70% da cota española en augas británicas e,  no caso da Mariña, dos 88 barcos que faenan no Gran Sol, máis da metade teñen base nos portos de Burela e Celeiro.

“Tendo e conta esta realidade, pedimos en primeiro lugar compensación directas por perdas a través do Fondo europeo marítimo e de pesca e que a Xunta reclame participar directamente nas negociacións co Reino Unido, como fai por exemplo, Escocia. A frota galega xógase moito nas cotas de capturas de especies moi valiosas desde o punto de vista comercial, como a pescada ou rapante”, argumentou Pontón.

O Bloque tamén solicita que os mariñeiros sexa considerados colectivo prioritario a efectos de vacinación anti COVID, como pide o sector, e así o defenderá no Parlamento.

De feito, na Mariña rexistraron varios casos de barcos afectados polo virus, que tiveron que gardar corentena con todo o que iso implica de perda de actividade e de ingresos para os traballadores da pesca.

En relación ao Porto de San Cibrao, a formación nacionalista defende que teña unha autoridade portuaria propia pois non é razoable que sexa Lugo a única provincia marítima sen autoridade portuaria e vai defender esta posición no Parlamento, onde xa ten unha iniciativa rexistrada neste sentido.

Finalmente, outro dos temas tratados foi o problema da frota de palangre, con moito peso na Mariña, en relación a captura da especie do marraxo. Neste momento a frota ten 100 toneladas destas capturas que non pode sacar ao mercado e que se ve obrigada a conservar en cámaras conxeladoras asumindo, non só un prexuízo por non poder vender, senón tamén un custe de mantemento moi importante.

E todo polas diferencias entre os ministerios de Pesca, que autorizou 940 toneladas de capturas (ao conxunto frota estatal), pero o Ministerio de Transición Ecolóxico impide comercializar 590 dese total de toneladas.

O BNG defende que a frota poida vender o 100% das capturas xa efectuadas e, en todo caso, de cara ao futuro ambos ministerios se coordinen e non prexudiquen ao sector.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG