O BNG presentou unha batería de medidas no Parlamento co obxectivo de obrigar á Xunta á rectificación inmediata da anunciada supresión do servizo de gardas hospitalarias de pediatría e de paritorio no Hospital de Verín, decisión que considera “inaceptable” e un novo exemplo do desmantelamento sen pausa da sanidade pública por parte do PP.
A formación nacionalista tamén pide a comparecencia do conselleiro de Sanidade para que explique a decisión de deixar ao centro de Verín sen servizo de paritorio nin tampouco gardas de pediatría hospitalaria tras o 1 de decembro. Unha decisión que chega despois dunha longa lista de agravios con este hospital e ás portas dunha mobilización anunciada para o 30 de novembro por outros recortes.
“Parécenos inaceptable que se pretenda recortar o servizo de pediatría e paritorio neste centro e resulta inaceptable que se pretenda que as mulleres de Verín e comarca teñan quen viaxar até hora e media para poder dar a luz”, criticou a líder nacionalista, quen se preguntaba se esta era “unha das medidas estrelas do PP para a dinamización demográfica, recortar os recursos a disposición das mulleres”.
Pontón trasladou todo o apoio do BNG tanto a todas as mulleres afectadas como tamén ao persoal que agora está prestando estes servizos no Hospital de Verín, ao que se pretendeu responsabilizar do recorte. “Asistimos a un desmantelamento da sanidade pública que se ceba ademais cunha servizo tan sensible como é atención ás mulleres nun momento tan importante como o do parto, e imos parar un recorte que non ten ningunha xustificación”, recalcou.