A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado exixiu ao Partido popular poñer en marcha medidas urxentes para que os profesionais da Atención Primaria podan solicitar probas diagnósticas na súa área sanitaria e “respectar o seu criterio e capacidade” para valorar cando unha persoa doente precisa da atención de especialista hospitalario.
A parlamentaria nacionalista, considerou que a imposibilidade de solicitar estas probas provocan “atrasos nos diagnósticos” e a perda dun tratamento correcto e alertou que o actual sistema pon en “grave risco a saúde”. Os profesionais, recalcou “quedan vendidos e os doentes sen atención axeitada”.
O BNG esíxelle ao PP que rectifique e cese a súa política de secundarización e desprestixio da Atención Primaria
A parlamentaria reclamou á Xerente do Sergas, Estrela López Pardo un compromiso para arbitrar medidas que faciliten a solicitude de probas diagnósticas en “igualdade de condicións” que as peticións hospitalarias e que sexan informadas polos correspondentes especialistas.
Ademais, demandou poder derivar ás e os doentes que baixo o seu criterio precisen ser valorados presencialmente por especialista hospitalario, sen que ese criterio sexa cuestionado.
Montse Prado lembrou que as consultas de Atención Primaria superan o 80% dos procesos de saúde da poboación, e na maioría dos casos non son precisas probas diagnósticas complementarias. A pesar desta circunstancia, noutros, é necesario realizar probas complementarias para aumentar a precisión diagnóstica, axeitar os tratamento ou axudar a realizar derivacións mellor dirixidas o que aforra tempo e mellora a efectividade.
A imposibilidade de solicitar as probas diagnósticas, a deputada do BNG sumou o gran número de dificultades para que @s profesionais de Atención Primaria poidan solicitalas porque teoricamente poden facelo pero na realidade, explicou, deben someterse a protocolos moi restritivos como sucede coas resonancias magnéticas ou os TAcs.
Poden solicitar probas diagnósticas, máis as solicitadas desde Atención Primaria teñen axendas diferentes, listas de espera máis altas como as ecografías que se realizan no Barbanza con demoras de 4, 5 ou 6 meses e como norma non son informadas.
Nas RX de probas osteomusculares, dexenerativas, traumatolóxicas... por defecto non se realizan informes e nas RX de tórax a norma tamén é non informar.
A nacionalista preguntou á Xerente do Sergas si consideraba que as facultativas especialistas de Atención Primaria non teñen criterio suficiente para valorar a necesidade de que unha persoas doente deba ser atendida por un especialista hospitalario, pregunta á que a membro do goberno eludiu responder.
Tras a intervención da Xerente do Sergas, a deputada lamentou a “falta de valentía” para responder ás cuestións formuladas polo BNG, así como a falta de argumentos para demostrar que a situación descrita non se corresponde coa realidade. “ As probas non son informadas, o profesionais reclaman poder solicitar as probas diagnósticas e tamén os conseguintes informes”. Montse Prado pediu un compromiso de López Pardo para remitir ao Parlamento galego, nun período dun mes, todas as solicitudes de informes realizadas polos facultativos de Atención Primaria, compromiso sobre o que a Xerente do Sergas non se pronunciou.