O BNG pide ao goberno central de Pedro Sánchez que rectifique e inclúa a fábrica de ALCOA na Coruña na poxa de ininterrumpibilidade prevista para o vindeiro mes de xuño, porque ter unha tarifa eléctrica estable e competitiva é unha condición indispensable para encontrar un comprador que garanta a continuidade da produción e o mantemento dos 400 postos de traballo hoxe na picota.
Así o explicaba a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas: “demandamos unha rectificación ao goberno de Sánchez para que inclúa ALCOA da Coruña na poxa prevista para o vindeiro mes. Non facelo engadiría incerteza nun momento moi delicado no que é necesario atopar un comprador antes do 1 de xullo e para iso é necesario garantir estabilidade nos prezos da electricidade porque só iso garantirá encontrar unha saída a estes 400 postos de traballo e, desde logo, non é momento de poñer paus nas rodas”.
Presas recrimina “a falta de seriedade” do Executivo socialista que antes das eleccións anunciara que a fábrica da Coruña podería participar nesa poxa eléctrica, opción que agora descarta, ao que se suma o feito de que aínda está pendente de aprobación o estatuto para a industria electrointensiva, que dea un marco estable a este sector.
Igualmente, o Bloque volver denunciar o “despropósito” político de que un país que produce electricidade a esgalla, como Galiza, non obteña beneficio algún da súa riqueza e, por contra, teña que someterse a un marco centralista que pon en risco centos de postos de traballo directos na comunidade. PP e PSOE insisten en vetar a proposta do BNG dunha tarifa eléctrica galega da que xa dispón Euskadi que lle permite aforrar 60 M€ cada ano as súas grandes industrias.