O BNG participou na concentración convocada polos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica, (antiga Alcoa), na Praza María Pita, para demandar unha investigación na adquisición da empresa por parte do Grupo Riesgo e investigar as axudas públicas recibidas.
O candidato do BNG por A Coruña, Xosé Luís Rivas reclamou á Xunta e ao Ministerio de Industria que non permanezan “de brazos cruzados” ante un conflito que ten como saída “a intervención pública” para garantir a actividade da factoría e manter centos de postos de traballo directos e indirectos. Rivas reclamou usar parte dos fondos europeos, 1.300M€, “para impedir o peche de Alu Ibérica e Alcoa en San Cibrao”.
Fraudulenta venda da antiga Alcoa ao Grupo Riesgo
Rivas cualificou a venda da antiga Alcoa ao Grupo Riesgo de “pelotazo” e acusou ao goberno do Partido popular de “connivencia” con fondos que despois “non cumpren os seus compromisos”, polo que pediu responsabilidade á Xunta e “traballar nunha solución para os centos de empregos que penden dun fío”.
Rivas pide responsabilidades a ministra Yolanda Díaz
O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas afirmou que a Alu Ibérica “é viable e un importante piar do tecido industrial galego” e non podemos consentir que a dirección da empresa decida pechala. Neste sentido, reprochou á Xunta e a Ministerio de Industria “o desleixo” para buscar unha solución e preguntou donde están agora os que facían promesas electorais de que Alcoa non se pechaba e teñen neste momento responsabilidades no goberno central como a ministra de Traballo, Yolanda Díaz.
Xunto a candidata nº 3, Mercedes Queixas, o portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera e a concelleira nacionalista, Avia Veira, o candidato do BNG reclamou a “intervención pública de Alcoa e abrir unha investigación sobre a venda da antiga Alcoa, na actualidade Alu Ibérica ao Grupo Riesgo, unha venda que volveu a cualificar “de trapicheo de fondos mafiosos”.
“ Alu Ibérica ten que cumprir os seus compromisos” e non podemos entender que a Xunta continúe “desaparecida” e con “escusas de mal pagador” como fixo o conselleiro de Industria na última sesión da Deputación permanente, celebrada esta semana no Parlamento galego. A Xunta, dixo, “non pode botar balóns fóra e ten que darlle unha solución aos traballadores”.
O candidato anunciou que o BNG utilizará todos os medios ao seu alcance para seguir mantendo a actividade de Alu Ibérica e non se perdan os postos de traballo. “É inadmisible” que durante a pandemia da COVID-19 e ante unha crise económica o goberno galego non reaccione e tolere o desmantelamento do tecido industrial galego, “motor económico de Galiza” e xerador dun gran número de postos de traballo.
📽"Hai connivencia da Xunta de Galiza cos pelotazos que poñen en risco a industria no noso país", denuncia Xosé Luís Mini Rivas, presente canda @MercedesQueixas @jorqueracaselas @aviagv na concentración de traballadores de Alu Ibérica na Praza de María Pita. #AlcoaNonSePecha pic.twitter.com/fFBAuDN6IP
— BNG A Coruña (@BNGACorunha) June 6, 2020