O BNG solicitou no Congreso que se garanta o voto a todos e todas as votantes inscritas no censo electoral de residentes ausentes (CERA) e que se facilite a través das embaixadas e consulados no estranxeiro a documentación necesaria para exercer o dereito de voto a aqueles galegos e galegas inscritos no CERA que así o solicitasen xa nos comicios de 5 de abril suspendidos a causa da pandemia da COVID-19.
Para evitar as dificultades ocasionadas pola pandemia global, e a igual que xa se fixera nas pasadas eleccións xerais, o deputado Néstor Rego salientou que “sería necesario que a todos os residentes ausentes inscritos e inscritas no CERA, se lles remitise de oficio a documentación necesaria para exercer o dereito de voto”. Así mesmo, tendo en conta as restricións de mobilidade que se dan na maior parte de países que poden impedir o desprazamento até embaixadas ou consulados, o BNG demanda que para facilitar o exercicio do sufraxio dos residentes temporais no estranxeiro, se habilite un mecanismo de solicitude do voto a través de medios telemáticos, garantindo sempre a transparencia e os dereitos democráticos.
Rego explicou que sería necesario, “tanto para os votantes inscritos no CERA como para os votantes ERTA”, que se ampliase o prazo para exercer o dereito de solicitude de voto, que se prorrogase a data de remisión do voto até venres 10 de xullo e que os votantes do CERA que voten de forma presencial nas embaixadas podan facelo até o propio día das eleccións, 12 de xullo. “Facilitaría tamén o exercicio do dereito de sufraxio dos galegos e galegas no estranxeiro que, para os casos en que a documentación non chegase aos solicitantes, que se puidesen encontrar nas embaixadas e consulados papeletas e sobres de votación” subliñou o deputado do BNG.
O BNG ve necesario que o Goberno español teña en conta as dificultades de desprazamento que padece actualmente a poboación no estranxeiro e que se facilite os trámites necesarios para a solicitude do voto en calquera embaixada ou consulado máis próximo ao domicilio do votante, con independencia do Estado en que se atopa. “Moitas veces as embaixadas máis próximas encóntranse noutro Estado e o lóxico é que os residentes en Irlanda do Norte se vexan obrigados e obrigadas a acudir ao consulado de Edimburgo, tendo moito máis preto a embaixada en Dublín” explicou Néstor Rego.