Congreso

O BNG pide ás forzas políticas que se comprometan a nacionalizar Alcoa San Cibrao e a Alu Ibérica na Coruña

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego salientou que Galiza vén sufrindo unha grave crise industrial antes da emerxencia sanitaria con empresas que pecharon e outras que están en risco (como é o caso de Alu Ibérica) ou a punto de facelo, especialmente Alcoa San Cibrao, polo que emprazou ao Goberno de PSOE/Podemos a actuar xa para a intervención pública da planta de Aluminio.

O BNG considera inaceptábel que o Goberno siga mantendo a reforma laboral, pois supón facilitar que os actuais ERTEs acaben converténdose en despedimentos e empeorar as prestacións que reciben os traballadores e traballadoras afectadas.

O deputado nacionalista criticou os criterios de reparto do Fondo COVID de 16.000 millóns de euros por prexudicar gravemente a Galiza ao non ter en conta criterios esenciais como a dispersión poboacional, o envellecemento ou o índice de dependencia. O BNG votou en contra destes criterios.

O deputado Néstor Rego aproveitou o debate dos Real Decretos Lei 24/2020 sobre medidas laborais e 25/2020 sobre impulso económico, para reclamar, máis unha vez, unha actuación urxente por parte do Goberno para a nacionalización de Alcoa, de forma que se garanta a continuidade da actividade e os postos de traballo.

Rego interpelou directamente a Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para que aclarase se están dispostos á intervención da planta de Aluminio. “Por certo, Sra Ministra, están dispostos, si ou non, a iniciar a intervención pública de Alcoa? Teñen ou non a vontade política que vostede dicía, antes de ser ministra, que era o único que facía falta para nacionalizar Alcoa? Conviña que o aclarasen, porque é o que están esperando os traballadores e traballadoras”.

Ademais, no debate do Real Decreto Lei 25/2020 de medidas para a reactivación económica, a pesar de considerar que son insuficientes ou se quedan curtas, Rego manifestou a disposición do BNG a votar a favor se en paralelo os partidos do Goberno, PSOE e Podemos manifestaban un compromiso claro de nacionalización de Alcoa San Cibrao e tamén de Alu Ibérica (a antiga Alcoa A Coruña) dada a incerteza sobre o futuro da actividade e o emprego nestas empresas. “Estamos a falar, en ambos os casos de arredor de 1.500 traballadores e traballadoras e dunha actividade estratéxica” sinalou Néstor Rego, e engadiu que “se pechan suporá un impacto moi negativo especialmente na comarca da Mariña”.

Rego apuntou que a estas alturas ”sabemos que é a única solución e é o que esperan deste goberno os traballadores e traballadoras e toda a comarca da Mariña”.

Fondo COVID-19

O pleno do Congreso tamén debateu a convalidación do Real Decreto en que se estabelecen os criterios de reparto do Fondo COVID, de 16.000 M€. O deputado do BNG salientou que o Goberno volve prexudicar gravemente os intereses de todos os galegos e galegas ao non tomar en conta as características propias e diferenciadas do noso País. “No noso caso, elementos como a dispersión da poboación, o envellecemento e os índices de dependencia supoñen encarecemento e por tanto, dificultades engadidas á hora de atender e dotar de servizos básicos á poboación” subliñou.

Para o BNG os criterios de reparto finalmente adoptados polo goberno son decepciónantes e supoñen un trato inxusto e un agravio para Galiza. “Curiosamente, son aquelas comunidades que tiveron un maior número de casos as que reciben maior proporción de recursos, sen atender ao custe real que supón a atención aos pacientes nun e outro caso” destacou Rego, que tamén sinalou que con estes criterios máis de 40% dos recursos van parar a só dúas Comunidades Autónomas, Madrid e Cataluña.

O deputado nacionalista critica tamén o voto favorábel do Partido Popular a estes criterios, destacando posición hipócrita de Núñez Feixoo. “Mentres o Presidente da Xunta critica os criterios coa boca pequena, o seu partido vota a favor en Madrid, traizoando, máis unha vez, os intereses de todos os galegos e galegas. Feixoo ou é un incapaz, que non se fai respectar, ou é un hipócrita que non actúa realmente como Presidente da Galiza”, enfatizou Rego.

Medidas en materia de enerxía

No referente o Real Decreto Lei para a aprobación de medidas en materia de enerxía o BNG critica que o Goberno volve a esquecerse de incluír medidas necesarias, imprescindíbeis e realmente urxentes para Galiza. O BNG propuxo distintas iniciativas a este respecto mais seguen sen atender a situación das rexións que levan xa tempo sufrindo as consecuencias do proceso de descarbonización e transición enerxética.

 Os nacionalistas ven necesario modificar a Lei do Sector Eléctrico e a Lei de Augas para que, cando se proceda ao peche de instalacións de enerxía térmica de carbón e para promover un proceso de transición xusta, estabelézanse requisitos para o acceso a puntos de evacuación ou o outorgamento de novas concesións, favorecendo a instalación de proxectos nos territorios afectados en que se ponderen os beneficios ambientais, sociais, os proxectos de desenvolvemento económicos ou plans industriais asociados.

Medidas sociais para a reactivación do emprego

Na situación de crise actual, o BNG considera inaceptábel que o Goberno siga mantendo a reforma laboral, pois supón facilitar que os actuais ERTEs acaben converténdose en despedimentos. Néstor Rego destacou que “é necesario e urxente derrogar integramente a reforma laboral, mais especialmente, os artigos que posibilitan que sexan as empresas, unilateralmente e sen control por parte da Administración, as que decidan sobre os despedimentos colectivos”. Isto é o que permite a empresas como Alcoa ou BorgWarner executar os seus plans de peche, sen ter en conta os problemas sociais que a desaparición deses postos de traballo suporán para a economía da Galiza.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG