Congreso

O BNG denuncia que PSOE e Unidas Podemos furtan o debate no Congreso sobre a nacionalización de Alcoa San Cibrao

Manifestación ALCOA
Manifestación ALCOA

Néstor Rego critica que a Mesa do Congreso, con maioría do PSOE e Podemos, decidise que o pleno desta semana fose extraordinario e que non se incorporasen á orde do día as mocións urxentes, entre elas a do BNG para a nacionalización de Alcoa.

O BNG insiste en que é necesaria a actuación urxente do Goberno, tanto do Ministerio de Industria, de quen depende a política industrial, como do Ministerio de Traballo que ten as competencias sobre as políticas de emprego, para garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo.

O deputado nacionalista insta tamén a Xunta de Galiza a participar nunha operación de intervención pública de Alcoa que lle dea perspectiva de futuro aos traballadores e traballadoras e ao conxunto da poboación da Mariña.

Nesta semana estaba previsto que fose debatida no pleno do Congreso dos Deputados unha moción do Bloque Nacionalista Galego sobre política industrial que, entres outros puntos, solicitaba a intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao e tamén a intervención de Alu Ibérica para garantir a continuidade da actividade e salvagardar os postos de traballo, en ambos os casos.

Esta moción urxente do BNG é consecuencia dunha interpelación á Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, presentada polo deputado nacionalista Néstor Rego no último pleno do Congreso realizado no 24 de xuño. Rego salientou que “é sorprendente que a Mesa do Congreso decidise que o pleno desta semana fose extraordinario e non se incorporasen á orde do día as mocións urxentes consecuencia de interpelación, como a do BNG, que pedía a nacionalización de Alcoa”.

O BNG considera escandaloso que a maioría da Mesa, conformada polo PSOE e Unidas Podemos, furte un debate que é fundamental neste momento e ademais urxente, dado que se acaba o tempo para que Alcoa decida pór en marcha o ERE e fechar a planta de Aluminio, o que suporá que máis de 1.000 traballadores e traballadoras -entre as do cadro de persoal da empresa e das auxiliares- perdan o seu posto de traballo. “Este é o momento en que todas as forzas políticas teñen que pronunciarse co seu voto no Congreso a favor dunha proposta que xa se evidencia como a única posíbel para conseguir que Alcoa manteña a actividade na Mariña e se preserve a totalidade dos postos de traballo” destacou Néstor Rego.

O propio Goberno prevé, no Decreto 25/2020, un fondo para a intervención en empresas estratéxicas que pasen por unha situación de crise. Precisamente por iso, resulta aínda máis rechamante que non estea disposto á intervención pública tanto de Alu Ibérica como da planta de Aluminio en San Cibrao cando están en xogo miles de postos de traballo e a continuidade dunha actividade que é estratéxica para o noso país, para Galiza.

É por iso que o BNG insiste en que é necesaria a actuación urxente do Goberno, tanto do Ministerio de Industria, de quen depende a política industrial, como do Ministerio de Traballo que ten as competencias sobre as políticas de emprego, para garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo.

“Entendemos ademais que a Xunta da Galiza non pode pórse de perfil nesta materia e ten que estar disposta a entrar nunha operación de intervención pública de Alcoa que lle dea perspectiva de futuro aos traballadores e traballadoras e ao conxunto da poboación da Mariña” explicou o deputado nacionalista.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG