BNG pide a Feixóo que escoite á comunidade científica que reclama un confinamento de 15 días para frear a terceira onda
Rodil: "O goberno non pode agardar á semana que ven para tomar decisións.Urxen medidas duras pero necesarias"
Acusa a Feixóo "dunha grande irresponbilidade" e pide que actúe con contundencia ante o descontrol do virus en Galiza
A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil tilda de "indignante e incomprensible" que a Xunta non adopte novas medidas contundentes para frear a terceira onda da Covid. Os datos de hoxe e das últimas semanas, explica a nacionalista constatan que o virus está descontrolado en Galiza e nesta situación non se pode agardar a semana que ven para tomar decisións, "urxe actuar agora" e a actitude do presidente e da Xunta, está a ser dunha "grande irresponsabilidade".
O BNG pide ao presidente do goberno galego que escoite á comunidade científica que reclama un confinamento de quince días para frear a expansion do virus. Para a viceportavoz nacionalista resulta "inconcebible" a inacción do goberno ante o incremento da presión hospitalaria, como suben cada día o número de persoas contaxiadas e como se desbordan áreas sanitarias como a da Coruña. "Urxe actuar xa e facelo con contundencia e adoptando medidas duras pero necesarias", recalca Rodil.
Dende o BNG, afirma insistimos en que todas as medidas que se adopten deben ir acompañadas de "axudas económicas para os sectores máis afectados pola crise da Covid 19".