BNG propón un confinamento de dúas semanas se a curva da terceira onda non se controla de xeito inmediato
Ana Pontón: “É unha medida moi dura, pero hai que poñela sobre a mesa ante a escalada de contaxios, hospitalizacións, ingresos en UCI e falecementos”
Sen saúde non hai economía, como demostrou “Salvar o Nadal” e pide usar fondos europeos e os orzamentos para axudar aos sectores afectados
Demanda a Feixóo que presente o plan de vacinación e equipara o anuncio de 2.000 enfermeiras co dos 6.000 rastrexadores, “pura propaganda”
Os datos mostran que a terceira onda é tan virulenta como a primeira, con cifras de contaxios, hospitalizacións, ingresos en UCIS e falecementos inasumibles. Con este escenario, o BNG pide tomar medidas valentes incluído un confinamento total de dúas semanas se a curva non se aplana de xeito inmediato nos próximos días.
“As restricións non están a ser efectivas nin suficientes e por iso pedimos que se tomen medidas valentes e damos ese paso cunha proposta contundente: se nos próximos días non se logra aplanar a curva, senón se logra frear o ritmo de contaxios, hospitalizacións e falecementos, -o dato máis dramático-, pedimos ao Goberno da Xunta e ao Goberno do Estado un confinamento, un confinamento que permita frear a cadea de contaxios e salvar vidas”, demandou a portavoz nacional, Ana Pontón, en rolda de prensa.
“A ninguén lle gusta o confinamento, é unha medida moi dura, pero hai que poñela sobre a mesa canto antes se os datos non melloran de xeito substancial e inmediato. Porque o que non é asumible é esta escalada do virus e senón empeza a descender xa, desde o BNG pensamos que hai que ser valente e apostar por un confinamento de dúas semanas, ampliable se fose necesario e tanto o Goberno central como o galego deben barallar esa alternativa”, explicou a líder nacionalista, subliñando que houbo un confinamento en marzo “con cifras menores”.
En termos sanitarios, o descontrol deste terceira onda repercute tamén na saúde xeral da cidadanía, porque volve haber un aprazamento de intervencións afectando de cheo a doentes con outras patoloxías que non son COVID.
Pontón volveu insistir na falaz dicotomía saúde-economía, recalcando que canto antes se controle a crise sanitaria antes se poderá levar a cabo a reactivación económica. De feito, estudios académicos demostran que o custe en vidas é menor e que a economía sofre a metade con medidas duras. “Vemos o desastre do enfoque economicista de Salvar o Nadal, porque non salvou a economía e por contra disparou a terceira onda impactando de cheo na economía e no emprego”, alegou.
Neste contexto, Pontón propón superar as medidas “brandas” e ir a un confinamento no que se habiliten axudas para manter o emprego e a actividade económica durante o tempo que duren as restricións, utilizando para iso unha parte dos 70.000 millóns de euros dos fondos europeos e os orzamentos expansivos da Xunta e Goberno central.
“É necesario que os fondos cheguen á economía real, que cheguen aos sectores e ás persoas que máis sofren a crise. Sería unha fraude usar eses recursos para engordar ás eléctricas e ás multinacionais”, indicou.
Finalmente, nese control da COVID, o BNG considera vital o Plan de vacinación polo que Pontón insiste en que o presidente da Xunta debe explicar no Parlamento cal é a estratexia, a loxística e os medios para levar a cabo un proceso sen precedentes na sanidade pública.
“Nada se sabe, aparte dos habituais titulares de prensa propagandísticos anunciando que hai 2.000 enfermeir@s preparadas para vacinar, o que lamentablemente recorda moito a cando Feixóo anunciou que había 6.000 rastrexadores e así estiveron con esa propaganda durante semanas”, criticou.”
“A situación é moi seria e require rigor, planificación e solvencia”, ademais de reclamar a PP e PSOE que abandonen unha “confrontación estéril” que ten como último exemplo o pim-pam-pum a conta do toque de queda. É impresentable, cando estamos no medio dunha pandemia, concluíu.