Tereixa Paz insta ao Goberno galego a destituír a Rogelio Martínez tras o seu procesamento por presunta malversación de fondos públicos e falsidade documental
A portavoz de Xustiza do BNG, Tereixa Paz vén de rexistrar unha Proposición non de lei pola que insta ao Goberno Galego a que, a proposta do Presidente da Xunta, "destitúa de forma inmediata ao Delegado Territorial da Xunta de Galiza en Ourense, D. Rogelio Martínez", logo do seu procesamento por "presuntos delitos de malversación de fondos públicos e falsidade documental.
Para a deputada nacionalista, o comportamento do delegado territorial de Ourense resulta incompatíbel coa ética e honradez que debe presidir o proceder dos cargos públicos polo que reclama a súa inmediata destitución.
Na iniciativa a deputada explica que nas últimas horas ven de facerse público o auto de procesamento ditado polo Xulgado de 1ª Instancia e Instrución de Ribadavia contra o Delegado Territorial da Xunta de Galiza en Ourense. Neste auto impútanse diversos delitos de malversación de fondos públicos e falsidade documental na xestión de fondos europeos.
É preciso lembrar, engade Paz, que Rogelio Martínez ostentando a alcaldía do Concello da Arnoia e presidencia do grupo encargado de xestionar os fondos Leader, concedeulle a unha empresa da "súa propiedade" diversas axudas para a realización de proxectos que nunca se executaron máis foron cobradas a través de documentación falsa.
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego en diversas ocasións someteu á consideración da Cámara galega a necesidade de promover o cese de Rogelio Martínez á fronte da máxima responsabilidade da Xunta de Galiza en Ourense por mor destes feitos.
Até agora, sinala a nacionalista, a súa situación era a de imputado, mais xa existía unha sentenza firme da Sala do Contencioso da Audiencia Nacional na que se declaraban probados os feitos que agora o levarán a ter que someterse a un xuízo oral como procesado.
A parlamentaria do BNG considera que o delegado territorial de Ourense non pode ostentar esta responsabilidade, nin un minuto máis e lembra que no pasado, xa utilizou os seus cargos públicos no seu propio proveito, mesmo con quebranto do erario público e presunta comisión de delitos.