BNG pide explicacións no Parlamento polas axudas da Xunta para tradución de textos literarios á unha empresa allea ao sector editorial e cuxa titular foi condenada por estafa

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas denuncia a falta de control da Xunta na concesión das subvencións  na  que a editorial “Tegra”, recentemente creada, foi a segunda beneficiaria das axudas

A portavoz de Cultura do BNG, Mercedes Queixas pregunta no Parlamento galego polos criterios da Xunta á hora de conceder axudas para a tradución de textos literarios a unha empresa cuxa titular foi condenada por estafa.

A nacionalista denuncia “falta de control” da Xunta na concesión das subvencións nas que a editorial “Tegra”, empresa recentemente creada,  e allea ao sector editorial galego resultou a segunda beneficiaria das axudas.

A portavoz de Cultura afirma que a resolución da convocatoria de Axudas á Tradución da Xunta de Galiza provocou  “o rexeitamento” das editoriais ante o feito de que  as axudas se destinen  a traducir obras do castelán ao galego, a financiar até tres traducións diferentes da mesma obra ou a primar o volume das obras sobre a súa calidade literaria.

Por outra parte, a nacionalista lembra que hai unha semana mantivo un encontro con representantes do sector editorial e profesionais da  tradución no que advertían do “desleixo” da Xunta co sector e demandaban  unha  Comisión Técnica con criterios “obxectivos” para valorar e seleccionar as obras a traducir ao galego ou ben,  dende o galego.

Queixas explica que a  Editorial Tegra, resultou ser a   segunda empresa máis beneficiada polas axudas á tradución  con 30.147 euros para traducir desde o castelán dezanove títulos cuxos “méritos literarios son descoñecidos para o mundo cultural galego”. A nacionalista considera que a Xunta debe dar explicacións sobre a concesión de subvención  a unha empresa  constituída no ano 2020 e cuxa  titular é  unha empresaria que procede do mundo do construción e condenada a prisión por un delito de estafa.

Para a deputada do BNG, resulta lamentable o proceder da Xunta a pesar das advertencias dos sector editorial e profesionais da tradución que denunciaron  como empresas cun comportamento carente de “seriedade e transparencia” resultan ser as maiores beneficiarias das axudas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG