O BNG pide explicacións no Parlamento á Xunta pola prohibición dalgunhas aeroliñas a viaxar con test de antíxenos en galego

foto Mercedes Queixas_comision
Mercedes Queixas

 

Mercedes Queixas denuncia a vulneración do dereito lingüístico das persoas afectadas no aeroporto de Santiago e reclama ao Goberno galego que impulse o recoñecemento internacional da lingua propia do país

O BNG rexistrou un paquete de iniciativas no Parlamento galego para que a Xunta explique que accións vai a levar a cabo para facer fronte á vulneración dos dereitos lingüísticos das viaxeiras galegas que se están a producir por parte dalgunhas compañías aéreas no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago.

A portavoz parlamentaria de Cultura e Lingua, Mercedes Queixas, explica que nos últimos días foron varias as persoas que contactaron co BNG para denunciar “a, de facto, prohibición de viaxar a diferentes destinos internacionais” dende o aeroporto compostelán co argumento de que “o test de antíxenos realizado en farmacia estaba en galego, na lingua propia e oficial de Galiza”.

Segundo incide Queixas, o BNG entende que, ademais do “grave prexuízo” que isto representa para as persoas afectadas, “dificultando a súa reincorporación ás súas obrigas laborais ou aos seus estudos”, estes feitos supoñen tamén unha vulneración “dos dereitos lingüísticos como galegos e galegas nun aeroporto internacional como é o Rosalía de Castro”.

Neste sentido, nas distintas iniciativas nacionalistas rexistradas na Cámara galega reclámase ao Goberno galego que especifique as accións que vai desenvolver para facer fronte a esta vulneración de dereitos lingüísticos, así como as que ten previstas para “conseguir o recoñecemento do galego a nivel internacional e garantir o dereito das persoas galegofalantes a usaren a súa lingua propia”.

Ante o acontecido nos últimos días no aeroporto Rosalía de Castro, a deputada do BNG tamén pregunta ao Executivo do PP se estableceu contacto coas persoas afectadas e que xestións realizou para axudalas, así como se xa contactou tamén coas compañías aéreas que impediron o embarque das viaxeiras galegas con test de antíxenos na lingua propia. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG