O deputado do BNG, Luís Bará cualificou hoxe de “atraco e espolio ” o anuncio da subida das peaxes na AP-9. O parlamentario presentou as propostas do BNG contra esta medida entre as que destacou, o apoio á plataforma de organizacións empresariais e persoas usuarias e iniciativas no Parlamento galego e no Congreso dos deputados no que a AP-9, afirmou, “será un asunto de máxima prioridade tras a conformación do novo goberno.
Bará recalcou que o obxectivo “irrenunciable” na presente lexislatura será a defensa da transferencia da titularidade e xestión a AP-9 así como “a gratuidade da autoestrada”. O deputado nacionalista explicou que mentres non remate o proceso da transferencia, o BNG reclamará a “anulación e regulación dos convenios asinados no 2011 e 2013 polos goberno do Estado español” que permiten a subida abusiva dos últimos anos dunha media do 3%, “a maior de todo o estado”.
Bará insistiu en que as ampliacións de Rande e AP-9 deben ser a cargo dos orzamentos do estado e non a través de incrementos nas peaxes. Ademais, remarcou que o BNG reclama un “sistema de bonificacións” semellante a outros territorios por un importe do 35% para todos os vehículos, tanto pesados como lixeiros, durante todos os días da semana acumulables en función do número de viaxes, número de quilómetros e incluíndo nas bonificacións vehículos menos contaminantes e por criterios de renda social.
Ademais destas medidas, o BNG defenderá nas institucións como obxectivos inmediatos no momento da conformación de goberno no estado: “a comprometida gratuidade da peaxe entre Rande e Vigo, un plan de obras para o mantemento e mellora da infraestrutura con pantallas contra o ruído nas parroquias de Chapela e Redondela, o mantemento dos postos de traballo, a aprobación para levantar as barreiras en casos de emerxencia, unha auditoría sobre o servizo da concesionaria, a apertura de expedientes por retencións e a eliminación de todos os privilexios fiscais da concesionaria”. Resulta un “escándalo”, denunciou, que a concesionaria sega beneficiándose dunha lei franquista para non ingresar o IBI que supón un montante de 93 millóns de euros que deixan de percibir os concellos polos que discorre a AP-9.
PP e PSOE cómplices do espolio da AP-9 en Galiza
O parlamentario lembrou que a AP-9 recada diariamente 400.000 euros en peaxes, “un filón de diamantes” que supón 150 Millóns de euros para a concesionaria cuns beneficios de entre 40 e 45 Millóns de euros netos que se incrementan ano a ano. Bará denunciou que os beneficios pertencen a grupos de inversores estranxeiros, “non queda nada para a concesionaria galega” e ao longo dos anos xa foron ingresados máis de 3.000 millóns de euros e entre o 2007 e o 2019, máis de 600 millóns de beneficios pagados polas empresas e persoas usuarias que acaban en “paraísos fiscais”.
Por outra parte, salientou que “o espolio” da AP-9 é produto da conivencia dos gobernos do PP e PSOE cuxas arcas do estado tamén ingresan 230 millóns de euros aos que hai que sumar “1.500 millóns de euros pola privatización” do goberno de Aznar. Unha privatización de “saldo”.
O PP tamén é culpable da ampliación ate o ano 49, unha “concesión de 75 anos” pero agora seguimos sufrindo outros agravios comparativos con dúas autoestradas do mesmo período que a AP-9, Sevilla-Cádiz e Tarragona-Alacante que serán gratuítas mentres aquí “pagaremos a toca teja, un incremento do 2.64% a partir do 1 de xaneiro”.