A portavoz de Economía e Industria, Noa Presas, levou ao Parlamento o retraso deliverado na construción de fragatas en Ferrol provocado polo PP, -“ese auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional”, segundo sentenza xudicial-, co fin de favorecer os intereses privados do que fora ministro de Defensa do Goberno de Raxoi, Pedro Morenés.
“Ten a oportunidade de demostrar se lle importa máis noso naval ou se prefire agochar as miserias do seu partido por ter retrasado un proxecto vital para Navantia Ferrol, as fragatas 110, levan cando menos dous anos de atraso.
“Hoxe sabemos que responsábeis políticos do PP quixeron impoñer un modelo de mísil que supuxo un atraso de dous anos, para favorecer un modelo que casualmente fabricaba a empresa que dirixía o ex ministro Morenés, á que o Goberno de Raxoi buscaba favorecer”, denunciou Presas na súa pregunta ao conselleiro de Industria, Francisco Conde.
O Bloque considera inadmisible que “polo tráfico de influencias das portas xiratorias do PP, Ferrol teña perdido dous anos, tempo no que perdeu un 2% da súa poboación, 3.227 persoas-, e con carga de traballo se cadra podería terse evitado”, indicou, tras reclamar que a Xunta acuda a Fiscalía Anticorrupción para esclarecer o sucedido e esixir responsabilidades políticas.
“Coñecían ou non que o intento de favorecer a un ministro do PP provocou un retraso de dous anos na construción das fragatas en Ferrol?”, interpelou Presas a Conde, “tan grave sería que o coñeceran e non actuaran ou que non se enterasen da movida porque incumpren a lei do naval e non participan na toma de decisións da empresa”.
Tamén entre as preguntas de Presas, “por que non acoden a Fiscalía para que isto se investigue, e xa lle anuncio que se o Goberno da Xunta non o fai o BNG traerá a esta Cámara iniciativas para promover esa investigación porque estamos falando de recursos públicos e do naval galego”, concluíu.