O BNG pedirá a devolución dos orzamentos por teimar en políticas económicas fracasadas

Aymerich lamenta a catadura moral de Feijóo ao dicir que son uns “orzamentos sociais” porque xoga coas porcentaxes, non coas cifras reais, que suman unha reducción de 469 millóns de euros en sanidade, ensino e benestar

O portavoz de Economía do G.P do BNG, Carlos Aymerich, anunciou que o seu grupo presentará emenda á totalidade ao proxecto de orzamentos para Galiza para 2013 e fará ver na rúa o que realmente se agacha tras unhas contas que teiman en políticas fracasadas, “non son uns orzamentos tan sociais como Feijóo tenta facernos ver”.

“Estes orzamentos –engadiu en rolda de prensa- constatan o que é evidente, que Feijóo e o PP teiman en manter en Galiza unha política económica fracasada, teiman na liña do défice, dos recortes e de que as administracións se inhiban á hora de intervir directamente na dinamización da industria e dos sectores produtivos do País”.

Para Aymerich, é moi doado demostrar por que fala dunhas políticas “fracasadas”, basta con facer un repaso aos principais índices económicos de 2012, un ano no que Galiza ía crecer un 1,1 por cento segundo a Xunta e o que fixo foi decrecer nesa porcentaxe.

Todos os indicadores de 2012 constatan que as políticas de recortes son un fracaso, pois Galiza decreceu un 1,1 por cento e o paro aumentou até se situar xa en máis do 20 por cento

Sobre o paro, o deputado do BNG lembrou que Feijóo e a conselleira anunciaran unha reducción lixeira ao final do ano e o que pasou e que se incrementou até situarse por riba do 20 por cento, unha porcentaxe que había moitos anos que non se acadaba.

"Malia esta realidade –continuou- e malia asumir o propio Feijóo que en 2013 Galiza vai seguir caendo o 0,9 e o paro superará o 21 por cento, teiman nas políticas que van afondar na quebra na que xa estamos instalados”.

Xogar coa porcentaxe

Aymerich cualificou de desfachatez que Feijóo trate de vender as contas do próximo ano como un orzamento social e asegurou que alguén que xoga coas porcentaxes para poder vender fume demostra cal é a súa catadura moral.

Neste sentido, advertiu que se produce ese suposto incremento dun 77 por cento en políticas sociais porque se reduce a cuantía global do orzamento e asegurou que respecto a 2012 as consellerías perden 667 millóns de euros para investir.

A reducción en servizos públicos básicos suma máis de 460 millóns de euros mentres se incrementa o gasto corrente das Consellerías e a débda pública

Desta cifra, segundo Aymerich, son precisamente os servizos públicos básicos os que rexistran maiores rebaixas, pois este ano haberá 145 millóns de euros menos para Sanidade, 153 para cultura e ensino e 170 para políticas laborais e de benestar.

Asemade, a estas cifras hai que engadir a reducción de 169 millóns de euros en gasto de capital e 227 en gastos de persoal.

Para Aymerich, non é de recibo que fronte a estas baixadas o que sobe sexa o gasto corrente desta “Xunta tan austera e eficiente”, ironizou; o servizo á débeda, que se incrementa nun 38 por cento e a propia débeda pública, que vai acadar este ano os 8.263 millóns de euros.

Novas contas máis xustas

O voceiro de economía nacionalista asegurou que o BNG emendará estas contas porque é posíbel un orzamento distinto, porque Galiza precisa doutras cifras e hai marxe para facelo, e puxo como exemplo subir os impostos aos que máis gañan, non renunciar a actuar sobre os impostos cedidos e cuestionar o sistema de financiamento e decisións que se adoptan no Consello de Política Fiscal e Financeira perxudiciais para o País.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG