BNG organiza unha xornada de traballo en Bruxelas para visibilizar os problemas do sur de Lugo

Ana Miranda (Foto: Delmi Álvarez)
Ana Miranda (Foto: Delmi Álvarez)
Ana Miranda: “Diante da ineficacia do PP temos que afondar na vía europea para buscar solucións a cuestións como a despoboamento ”

Baixo o lema “O sur de Lugo tamén existe”, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, organiza unha xornada de traballo na Eurocámara para visibilizar os problemas que sofre o sur da provincia lucense. Así, os problemas da gandería e as consecuencias da mala xestión do PP dos fondos para a produción ecolóxica, a viticultura, o despoboamento, a carencia de infraestruturas e o illamento tecnolóxico serán algúns dos temas que se abordarán ao longo das reunións que se desenvolverán os vindeiros 7 e 8 de febreiro.

“Estamos detectando problemas económicos, demográficos e de infraestruturas, entre outros, aos que desde o goberno galego non se lles está dando solución, polo que temos que empregar a vía europea para darlles visibilidade e presionar a xestión de alternativas que resolvan a ineficacia e o desleixo do PP”, explica Ana Miranda, quen salienta a importancia de que unha delegación do sur de Lugo se desprace a Bruxelas a vindeira semana.

Reunións coa Comisión Europea

Estas cuestións serán tratadas no encontro que a delegación manterá con representantes da Comisión Europea, como Valentina Corsetti, coordinadora de retos demográficos da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana, e Auxiliadora Valpuesta, responsable dos Programas Operativos de Galiza da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana. Ademais na xornada de traballo tamén participarán Rouby Alexia, responsable da Unidade de Áreas Rurais da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural, e Serafín Pazos-Vidal, experto en Desenvolvemento Rural e Territorial na AEIDL (Asociación Europea para a Innovación no Desenvolvemento Local).

A delegación do sur de Lugo estará composta, entre outros integrantes, polo alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Luis Maceda, e o tenente de alcalde desta localidade, Ricardo Rodicio; o portavoz municipal de Monforte, Emilio J. Sánchez; a portavoz municipal de Pantón, Rosa Ana Prieto; o portavoz municipal de Quiroga, Xosé Manuel Fernández; a portavoz municipal en Carballedo, Asunción Gómez, e os representantes do BNG en Chantada, Taboada e Saviñao respectivamente, que compaxinan a súas tarefas máis institucionais coa súa labor profesional en diversos sectores. Igualmente, xunto a eles participan representantes dos sectores culturais, sociais e turísticos da zona.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG