Bloque Nacionalista Galego consegue o apoio do Congreso tras aprobarse a súa iniciativa na defensa dos postos de traballo das empresas, directa e auxiliares, de Enel-Endesa nas Pontes. A formación nacionalista tamén logra garantir o desenvolvemento de novos proxectos industriais para a comarcal de Ferrolterra enmarcados no proceso de transición xusta a través dun calendario de accións a realizar e con financiamento definido.
Neste sentido, a iniciativa finalmente aprobada ficou baixo esta redacción:
“O Congreso dos Deputados insta o Goberno, en coordinación coa Xunta de Galiza, a:
- Condicionar o proceso de fechamento a que se chegue a un acordo coa representación das e os traballadores que garanta a continuidade do emprego e proxectos concretos de futuro.
- Condicionar a participación de Endesa na poxa de evacuacións e novas autorizacións, concesións e adxudicacións de MW á consecución dun acordo que garanta o emprego dos traballadores da empresa principal e as auxiliares. A asignación de novas instalacións de produción de enerxías renovables nas Pontes e en toda a comarca conterá, necesariamente, un proxecto de desenvolvemento económico e un plan industrial para a súa execución.
- Posibilitar que a concesión de acceso aos nodos de rede afectados polos peches das térmicas en Galiza sirvan para incentivar a implantación de proxectos nos territorios que perden tecido empresarial e blindar o emprego nestas zonas onde se poxa a capacidade de acceso á rede de transporte.
- Garantir a implementación de novos proxectos industriais na comarca que emanen dos convenios de transición xusta e dos plans Futur-E de Endesa.
- Cumprir tanto os obxectivos como as diferentes medidas acordadas no Plan de Acción Urxente 2019-2021 para comarcas de carbón e centrais en peche.
- Ofrecer unha solución de continuidade industrial á central das Pontes, de maneira que se garanta o mantemento dos postos de traballo non só da central senón tamén os da industria auxiliar e dos transportistas.
- Instar o Goberno do Estado para convocar urxentemente a Mesa de Traballo para a Transición Enerxética Xusta para As Pontes, así como a constitución dunha mesa específica para tratar a problemática do persoal da industria auxiliar de ENDESA co obxecto de concretar o número de traballadores/ as afectados/ as e a súa garantía de emprego.
- Demandar a implicación e colaboración do Goberno español e da Xunta de Galicia para apoiar conxuntamente os proxectos industriais e de reindustrialización necesarios a implantar nas Pontes para optar aos Fondos da UE Next Generation.
- Avanzar no Convenio de Transición Xusta para As Pontes para poder completalo canto antes cun cronograma definido de financiamento e accións a realizar.”