O BNG logra o apoio do Parlamento para a urbanización da AP-9 no treito de acceso a Vigo

Luís Bará
  • A iniciativa aprobada tamén inclúe a supresión da peaxe de Rande desde Redondela
  • Bará propón unha mesa de diálogo para superar a habitual confrontación Xunta e Concello en beneficio da veciñanza. “Espero que non haxa que mandar aos cascos azuis”, ironizou

O portavoz nacionalista na Comisión de Ordenación Territorial, Luís Bará, acadou o apoio de todos os grupos da Cámara para  reclamar ao Goberno central a execución das medidas necesarias para converter en vía urbana o treito de acceso da AP9 a Vigo así como para a supresión da peaxe de desde Redondela e Vigo pola entrada desde Rande.

O deputado nacionalista agradeceu o apoio recibido e instou a PP e PSOE a non caer na habitual confrontación institucional entre Xunta e Concello, “porque os personalismos e os partidismos o único que fan é prexudicar á veciñanza”, indicou, ao tempo que propoñía a creación dunha mesa de diálogo entre as administracións implicadas para evitar naufragar en desencontros. “Confío en que non sexa necesario enviar aos cascos azuis”, ironizou.

Durante a súa argumentación, Bará indicou que a urbanización dese tramo da AP9 mellorará a mobilidade no barrio de Teis e desconxestionará a rúa Sanxurxo Badía agora cunha elevada intensidade de tráfico. O BNG aposta para humanizar estar entrada á cidade olívica coa alternativa que defenden as asociacións veciñais de Teis e de Chapela “que consideran que a mellor opción para a transformación en vía urbana e desde as Torres de Padín no arranque do termo municipal”.

A formación nacionalista considera que está actuación é viábel porque á altura das torres xa existe unha saída da autoestrada, o que facilitaría outra saída en dirección Puxeiros-Rande.

Bará tamén deixou claro na súa intervención que a conversión dese tramo da AP9 “debe complementarse coa eliminación da peaxe no treito entre Rande e Vigo, medida que redundaría na mellora da mobilidade en Trasmañó, Chapela e Teis”, argumentou. “Sería unha actuación máis ampla e máis ambiciosa”, indica.

Tanto Chapela como Teis, indicou, “sofren o impacto do mal deseño de comunicacións que parten estes barrios creando fendas que as dividen en dous” A veciñanza, “é quen paga as consecuencias mentres outros levan os beneficios, neste caso a concesionaria que ten como principal accionista un fondo voitre chamado Corsario por senón quedasen claras as intencións”, alegou.

Bará tamén se preguntou pola utilidade que está a ter a comisión bilateral entre Goberno da Xunta e Ministerio de Fomento para a xestión da AP9. “Espero que serva para algo máis que para ver a quen se lle bota a culpa para non facer a obra, que non esteamos ás portas dun novo episodio de confrontación institucional entre Concello e Xunta, como xa temos visto outras veces, co veciños e as veciñas como gran prexudicados”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG