O BNG acadou o acordo unánime do Parlamento galego para que, antes de rematar a presente lexislatura, a Xunta dea cumprimento na súa integridade aos acordos acadados por unanimidade na comisión parlamentaria de Sanidade (en abril de 2015 e marzo de 2021) para a loita contra a endometriose, comprometendo partidas orzamentarias específicas para levalos a cabo. No marco deste acordo inclúese tamén a elaboración, no mesmo marco temporal, dunha guía galega de atención a esta doenza.
“Os compromisos demóstranse con accións e tomando medidas”, indicou a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, á bancada do PP, á que tamén lle dixo que dous anos máis sobre os sete que xa transcorreron dende o primeiro acordo parlamentario neste sentido “é máis que realista”.
De igual xeito, Prado respondeu aos argumentos facilitados polo PP que, efectivamente si se deran algúns pasos, pero que estes non eran significativos nas cuestións máis relevantes para o tratamento da enfermidade. “Conseguimos poñer esta cuestión na axenda, que se falara do tema porque do que non se fala non existe e isto xa é un paso; tamén que o conselleiro escoitara a un colectivo -en referencia á Asociación querENDO de Mulleres con Endometriose- que traballa cunha doenza que afecta a 60.000 galegas, pero hai moitísimas cuestións que necesitan que se avance decididamente”, afirmou, para indicar a continuación que se segue tardando entre oito e dez anos ata que unha muller afectada sexa diagnosticada, polo que, ademais do que isto supón en termos de saúde, cando acada a diagnose, pode ser mesmo tarde para abordar cuestións como a fertilidade.
A deputada do Bloque afeou ao PP que tentase escudarse na pandemia “cando o primeiro acordo é de 2015 e houbo cinco anos antes da pandemia” para substanciar as medidas incluídas no mesmo e, neste sentido, tamén cuestionou a súa insistencia no Plan de Igualdade do Servizo Galego de Saúde. “Que ten que ver un plan de igualdade para profesionais do Sergas con poñer enriba da mesa medidas que dean solucións a unha doenza que padecen as mulleres?”, preguntou.
A moción nacionalista tamén incluía a creación dunha Unidade de Muller e Saúde que, na súa votación por puntos, rexeitou o PP, cuestión que lamentou Prado dado que, segundo recalcou, é unha medida necesaria para abordar a atención integral á saúde das mulleres velando e non seguir invisibilizando unha realidade que é incuestionable e que é que “existen nesgos de xénero na medicina, en todos os seus ámbitos, dende a investigación ou a formación ata o tratamento ou a atención”.