O BNG logrou o acordo do Parlamento galego para instar á Xunta, e esta ao goberno estatal, a iniciar de inmediato un verdadeiro proceso de recuperación da produción marisqueira na ría de Ferrol –en colaboración coas confrarías da zona, os técnicos da Consellaría do Mar e a estación de bioloxía mariña da Graña– ao que se acompañarán medidas de protección económica e social para as mariscadoras e mariscadores pactadas co propio sector.
A iniciativa aprobada no debate da última Comisión de Pesca e defendida pola deputada Rosana Pérez, alerta sobre a situación “extremadamente crítica” que están a padecer as traballadoras e traballadores da ría, con bancos marisqueiros altamente degradados por mor de verteduras sen control durante anos, os problemas na depuración das augas que aínda non permitiron recuperar os bancos, ou a pouca circulación da auga entre os diques da ponte das Pías, ao que agora hai que engadir a proliferación dun parasito que afecta á produción da ameixa.
Segundo explicou a portavoz parlamentaria de Pesca, “este non é un problema novo e as e os profesionais do marisqueo da ría de Ferrol levan moitos anos agardando unha solución por parte da Xunta” polo que, segundo subliñou, a situación actual “xa non se pode remediar con parches temporais”, senón que esixe “a posta en marcha de medidas estritas e constantes na súa aplicación que permitan a medio prazo obter o maior rendemento posíbel”.
Neste sentido, Rosana Pérez insistiu na necesidade de acompañar este proceso de recuperación de medidas de protección económica e social para un colectivo profesional que actualmente se atopa maioritariamente en situación de baixa prolongada e practicamente na súa totalidade obtendo uns ingresos que apenas lle permite sobrevivir. Unha situación que, segundo recordou Rosana Pérez, leva tamén aparellado o estado de case quebra das tres confrarías da ría, cuxa viabilidade está seriamente en risco.