O BNG levará ao Parlamento Galego o acontecido onte nas dependencias de Deportes da Delegación da Xunta en Lugo cando persoal deste servizo se negou a atender en idioma galego a unha usuaría do servizo. Unha veciña dirixiuse a unha funcionaria do Servizo de Deportes da Xunta en Lugo para procurar información sobre clubes deportivos. Como a funcionaria lle respondeu en castelán, a administrada solicitou poder ser atendida en galego.
A Parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, sinalou que se trata “dunha clara vulneración flagrante dos dereitos lingüísticos por parte da propia administración galega” e engadiuse “trátase dun caso onde funcionarias públicas están incumprindo os dereitos recollidos no Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e a Carta Europea de Linguas Minorizadas. O BNG pedirá a intervención, neste caso, da Secretaría Xeral de Política Lingüística por tratarse dun incumprimento da Lei de Normalización.
A funcionaria, segundo relatou a administrada respondeulle: “¡No me da la gana! Soy funcionaria y puedo escoger el idioma que yo quiera”. A lexislación dita, lembra Rodil, que quen ten a posibilidade de escolla é a persoa usuaria do servizo e o funcionariado ten a obriga de atender no idioma oficial que se solicite. Ante a contestación da funcionario, a usuaria díxolle “que estaba en Galiza e que desexaba ser atendida en galego” solicitando poder falar con outra persoa. Sempre segundo o relato, cando a usuaria se dirixiu a outra empregada pública para ver se podía ser atendida en galego, estoutra funcionaria contestoulle que “yo solo hablo castellano, no me da la gana de hablar en gallego”. A usuaria lamentou que fose así pois non quería que o galego se perdese e a resposta da empregada pública foi: “Pues si se pierde mejor! Ni gallego ni catalán, con sólo castellano mucho mejor!”
A negativa das funcionarias de atender esta persoa nun idioma oficial contraviría tamén lexislación estatal e internacional como; artigo 13.c) da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas que estipula o dereito a utilizar as linguas oficiais no territorio da comunidade autónoma, o artigo 2.b) da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, que o Estado español ratificou e que explicita que as autoridades administrativas e servizos públicos comprométense a dar a posibilidade para os falantes de linguas rexionais ou minoritarios de presentar demandas orais ou escritas nestas linguas.