Nesta semana desapareceron as liñas directas de autobús entre Lugo e Vigo, tanto na ida como na volta. A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, presentará unha iniciativa no Parlamento para “evidenciar o illamento no que queda Lugo despois do plan de reestruturación do transporte por estrada imposto pola Xunta, para que non se eliminen máis liñas como está que constitúen a única posibilidade desprazamento para moitas persoas e para que se recupere a recen eliminada liña Vigo – Lugo”. Rodil lembrou que “o BNG estivo en contra desta reestruturación imposta polo Xunta por que unicamente era interesante para mellorar o lucro dalgunhas empresas do transporte de pasaxeiros pero moi lesiva para as persoas usuarias”.
Olalla Rodil visitou a estación de autobuses de Lugo, acompañada da edil Maite Ferreiro, e puido comprobar a imposibilidade de viaxar a Vigo, dende Lugo, de forma directa “a única posibilidade de coller un autobús directo, sen facer transbordos, é os venres ás 19:00 horas e a viaxe dura unhas 3 horas” e engadiu “esta viaxe ten un custe de 17 euros e o mesmo sucede para volver de Vigo a Lugo, unicamente hai unha autobús directo os domingos ao mediodía para chegar a Lugo despois das 6 da tarde”. Durante o resto da semana as viaxes teñen que facerse de Lugo ata a estación de Pontevedra e despois coller un autobús ata Vigo. A concesionaria desta liña de transporte de viaxeiros por estrada é o grupo Monbús dende o ano 1987 no que absorbeu a histórica empresa Gómez de Castro.
Rodil sinalou que o BNG xa demandara en diversas ocasións a paralización deste Plan de Transporte da Xunta por “carecer de rigor e transparencia” e tamén se reclamou en sede parlamentaria “a elaboración dunha auditoría para coñecer como se pecharon as adxudicacións das liñas por que non primaron os criterios para favorecer e mellorar a mobilidade das persoas se non que primaron outros criterios que son descoñecidos para as galegas e galegos pero benefician determinados intereses moi concretos” afirmou Rodil.