Os deputados do BNG no Congreso, Néstor Rego, e no Parlamento de Galiza, Montse Prado, manteñen unha reunión con membros da Executiva da CIG-Saúde sobre a urxente e necesaria reforma da Lei 55/2003 do Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos servizos de saúde. A organización nacionalista comprométese a rexistrar iniciativas en ambas as dúas cámaras para que se recoñeza o dereito á xubilación parcial e anticipada das traballadoras e traballadores da sanidade pública.
O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, afirmou que o BNG presentará no Congreso unha iniciativa dirixida a que se recoñeza o dereito á xubilación anticipada do persoal da sanidade pública. Dereito que, lembrou, xa está recoñecido para o persoal doutras administracións e que “non é de recibo que non teñan as persoas que dedican a súa vida a coidar da saúde do conxunto da poboación”.
A isto engadiu que non só favorecería ás traballadoras e traballadores da sanidade pública ao chegar a esa idade, senón que tamén posibilitaría rexuvenecer os cadros de persoal. Algo do que a sanidade pública está moi necesitada. Na mesma liña, a deputada no Parlamento de Galiza, Montse Prado explicou que o BNG presentará tamén nesta cámara, unha iniciativa nese sentido.
Recoñecemento xa
A CIG-Saúde entende que o Ministerio debería xa recoñecer o dereito á xubilación anticipada. Explica que agora mesmo se exixe ter, como máximo, dous anos menos respecto da idade ordinaria de xubilación. Fronte a isto, a secretaria nacional, María Xosé Abuín, explicou que todo o persoal da sanidade pública con máis de 35 anos cotizados, ao cumprir os 63 anos tería que poder acceder co 100% á xubilación, sen aplicarlles os coeficientes redutores que van do 6,5 ao 7,5% anual, incluíndo ademais o complemento por maternidade. Coeficientes que chegan a provocar unha perda de poder adquisitivo das súas pensións de até o 25%.
Abuín subliñou que se deberían contemplar tamén as singularidades do persoal da sanidade porque, tal e como admite a disposición adicional sétima da Lei 40/2007, “o persoal estatutario ten singularidades que o distinguen do resto do funcionariado pola propia natureza do servizo público sanitario”.
Neste sentido apuntou que o sistema sanitario ten prestación de servizo continuado, as 24 horas do día e os 365 días do ano, e que hai múltiples estudos que demostran como isto afecta negativamente á saúde das persoas que traballan a quendas, transcorridos máis de 15 anos.
A isto engadiu o aumento dos riscos psicosociais que xeran problemas de saúde ao persoal ao traballaren en contacto coa enfermidade, tomar decisións sobre a vida doutras persoas ou pola presión familiar. Isto xunto coa exposición continuada a riscos biolóxicos, químicos ou medioambientais, entre outros.
Problemas recoñecidos pola propia Administración
A secretaria nacional de CIG-Saúde lembrou ademais que a propia administración recoñece, nos plans de ordenación de recursos humanos, problemas como unha pirámide de poboación envellecida, o que incrementa o número de incapacidades temporais e o gasto no capítulo de persoal ou a imposibilidade de asumir os acordos sindicais relativos a que o persoal facultativo deixe de facer gardas ao cumprir cincuenta e cinco anos. Dereito que a administración denega alegando, segundo a CIG-Saúde, que cada día hai máis persoas nesta situación e se incrementa o custo de facer contratos a novo persoal.
Canda isto, a propia administración recoñece tamén a imposibilidade de que o persoal deixe de traballar en horario nocturno ao cumprir 55 ou 60 anos, malia os danos na saúde provocados polos cambios continuados de horarios ou a imposibilidade de adaptar postos a persoas con problemas de saúde laboral.
Cambios normativos necesarios
Diante desta situación, a CIG-Saúde solicitou aos representantes do BNG que trasladen á súa vez ao Congreso a demanda de que se articulen as medidas normativas necesarias para garantir, coa maior urxencia, o dereito do persoal estatutario dos servizos de saúde á xubilación anticipada e parcial.
E no Parlamento de Galiza, que se urxa a desenvolver o Estatuto xurídico dos empregados e empregadas de saúde de Galiza, tal e como se contemplaba xa no artigo 109 da Lei 8/2008 de Saúde da Galiza.