Senado

BNG leva ao Senado o impulso ao autogoberno da Galiza: transferir as competencias pendentes para afrontar os retos de futuro

Carme da Silva
Carme da Silva

No marco da ofensiva institucional que desenvolverá esta semana o BNG, a senadora nacionalista reclamará axilizar a transferencia das materias recollidas no Estatuto

Urxe convocar a Comisión Mixta de Transferencias Estado-Xunta e dar conta, anualmente, das xestións e acordos incluíndo todos os informes e escritos

“Defendemos un novo status político de nación e un novo sistema de financiamento que nos permita afrontar os retos de futuro con garantías” afirma Carme da Silva

Despois de quince anos sen que a Galiza asumise unha soa nova competencia e nun contexto onde se están a debater no Estado cuestións importantes para o futuro da Galiza, o BNG realizará unha ofensiva institucional para impulsar a axenda do autogoberno. No concreto, a senadora do BNG leva á Comisión Xeral de Comunidades Autónomas unha iniciativa para reclamar a transferencia á Galiza das competencias pendentes: tanto as recollidas no Estatuto de Autonomía como aquelas nas que existe o acordo unánime do Parlamento Galego.

“Quince anos de desgoberno e quince anos sen asumir o propio autogoberno. Este pode ser o resumo de máis dunha década á que nos ten levado o Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza” evidencia a senadora nacionalista. Unha parálise que, segundo Carme da Silva, debe mudar  co obxectivo de mellorar a vida dos galegos e galegas. “Galiza debe ter as ferramentas necesarias para decidir sobre todos os asuntos que interesan ao galego e galegas. A capacidade política que nos permita afrontar os retos de futuro con garantías” sinala.

“É preciso que Galiza se dote de todas as capacidades políticas, económicas e orzamentarias para facer fronte a unha situación de constante regresión -económica, social, demográfica, ambiental- que compromete os seus sectores estratéxicos e condiciona as expectativas de futuro do País” apuntala Carme da Silva.

Para este obxectivo, continúa explicando da Silva, é necesario levar a cabo unha ofensiva institucional –que o BNG desenvolverá- para reforzar e ampliar o autogoberno. “Debe desenvolverse, en primeiro lugar, coa asunción de todas as competencias previstas no seu estatuto. Mais, tamén, en segundo lugar, proceder á transferencia daquelas competencias estatais que se poidan realizar por Lei Orgánica, como é o caso da Autoestrada do Atlántico” enfatiza a senadora do BNG.

Urxente e necesario este debate para a frente nacionalista nun contexto estatal onde se están abrindo debates moi importantes para o futuro dos galegos e galegas. “A reforma e debate sobre un novo sistema de financiamento para as Comunidades Autónomas, que debe ser xusto para a Galiza- alén de que nós defendamos un concerto para a Galiza e poder xestionar nós os nosos recursos-, o mecanismo para a condonación da débeda ou mesmo o novo status político de nación onde Galiza non pode quedar atrás” enumera.

Activar a Comisión Mixta e marcar unha folla de ruta clara e transparente

A parte resolutiva da moción que defenderá a senadora do BNG insta o Goberno a convocar a Comisión Mixta paritaria Xunta-Estado para negociar o traspaso das competencias pendentes, a comezar por algunhas destacadas como a AP-9, a AP-53, tráfico e seguranza viaria, os medios de xestión do dominio público marítimo-terrestre e a ordenación do litoral, os servizos e infraestruturas viarias e ferroviarias, os portos de interese xeral, as obras hidráulicas, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, etc.

“Anualmente terase que dar conta das xestións e acordos da Comisión Mixta de Transferencias, incluíndo todos os informes e escritos en relación coa convocatoria da Comisión e a demanda de transferencias” explicar. Do mesmo xeito, Carme da Silva defende a presenza das institucións galegas en entidades de carácter estatal como o Banco de España, a Comisión Reguladora de Mercado de Valores, Portos do Estado, AENA, órganos de dirección e administración de empresas públicas con centros de traballo na Galiza –véxase Navantia, por exemplo- e mesmo nas comisións reguladoras de servizos liberalizados.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG