A deputada do BNG Alexandra Fernández defenderá no Pleno desta semana unha proposición non de lei cun paquete de medidas para paliar os efectos negativos que xa se están a deixar notar nas principais cidades e nas vilas do litoral galego polo incremento acelerado e a concentración de vivendas de uso turístico. Entre as propostas do BNG figuran a esixencia do título habilitante municipal como requisito imprescindible para as VUT, máis inspeccións, ou que se estableza un número máximo deste tipo de inmobles por propietario.
Segundo os datos oficiais do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galiza (REAT), dende xuño de 2017, cando se incorporou a categoría de Vivendas de Uso Turístico (VUT), o aumento destas foi dun 3.787 %. Pasouse das 542 rexistradas aquel ano ás máis de 20.500 actuais, lembra a deputada do BNG para dar conta da dimensión dun problema que ten outra das súas arestas na concentración.
Apunta, neste sentido, aos datos recollidos nun informe da Área de Estudios e Investigación de Turismo, segundo os que a maior concentración de VUT atópase nas Rías Baixas, onde se localiza o 27 % da oferta total no País. Só Sanxenxo ten o 14,5 %, e en Santiago se concentran o 4,2 %. “Non é un fenómeno exclusivo das cidades, senón que se estende por concellos cun menor grado de urbanización”, asegura Alexandra Fernández, referíndose así a aqueles concellos onde a concentración é especialmente elevada atendendo ao número de prazas por habitante. É o caso de Sanxenxo, Barreiros, Carnota, Fisterra, O Grove, O Vicedo, Foz, Corcubión, Laxe ou Muxía.
A deputada do BNG chama a atención na tripla afectación do fenómeno das VUT: no urbano, na accesibilidade á vivenda e no turístico. Subliña, ao respecto, como a proliferación destas vivendas e a alta rendibilidade que supón nestes momentos o aluguer vacacional acaba por repercutir nos prezos da vivenda residencial, “unha preocupación de primeiro nivel que hai que abordar xa”, afirma.
Outro dos principais impactos afecta, advirte a deputada do Bloque, ao propio modelo turístico, pois “o desprazamento da poboación residencial do centro das cidades ou de determinadas zonas moi turistificadas remata por segregar a propia vila ou cidade, reducindo así estes espazos a zonas tematizadas como simples contornas comerciais ao aire libre para turistas”. “Os primeiros afectados son os propios residentes, mais co tempo acaban por crearse contornas turísticas pobres, carentes de vida cotiá, de memoria, de complexidade e de interese específico”, engade, ao tempo que subliña que “hai que ordenar o turismo para salvar o turismo, as cidades e vilas e os dereitos dos veciños”.
Alexandra Fernández advirte da “alarma social” que se está a xerar e, neste sentido, critica o “abandono de funcións” por parte da Administración galega, que non ten feito ningún estudo específico sobre esta cuestión, non ten elaborado unhas directrices que aborden o problema nin exerce o control que sería desexable sobre este tipo de vivenda.
É por iso que o BNG propón en primeiro lugar que o Observatorio da Vivenda de Galiza faga un estudo sobre a afectación das VUT na accesibilidade á vivenda residencial e á calidade dos espazos urbanos, propondo medidas de actuación contra o seu impacto segundo as distintas realidades do territorio. Tamén se require unha análise sobre como están a afectar as VUT ao modelo turístico, sobre a evolución dos grupos de investimento que se dedican á súa compra e aluguer e sobre o seu impacto na actividade hoteleira, para a partir de aí facer unha planificación.
Co obxectivo de limitar a especulación inmobiliaria, Alexandra Fernández propón estudiar unha modificación da normativa actual para tratar de maneira diferenciada a pequenos e grandes propietarios e establecer un límite no número máximo de vivendas de uso turístico por persoa propietaria, ben sexa mediante xestión directa ou mediante empresas.
O BNG propón tamén que a Xunta esixa o título habilitante municipal como requisito imprescindible para o rexistro autonómico das VUT e para o exercicio da actividade económica de carácter turístico. En relación a isto, o Bloque tamén avoga por unha revisión do rexistro autonómico para dar de baixa, de oficio, a todas aquelas vivendas cuxo uso turístico sexa incompatible co planeamento ou normativa municipal.
Establecer un maior control, mediante inspeccións, ordes de clausura e sancións sobre a oferta de VUT que non estean inscritas no rexistro da Xunta ou que incumpren a normativa é outra das propostas incluídas na iniciativa do Bloque.