parlamento galego

BNG leva ao Pleno a preocupación xerada nas Pontes pola decisión de Sentury Tire de desviar investimento a Marrocos

Xosé Manuel Golpe
Xosé Manuel Golpe
 A conselleira de Industria responde a Xosé M. Golpe que non ten notificación oficial de que o grupo chinés renunciase a instalar a fábrica de pneumáticos  

O deputado do BNG Xosé Manuel Golpe preguntou este mércores no Pleno pola valoración que fai o Goberno do PP do anuncio feito pola empresa Sentury no sentido de dar prioridade ao proxecto que está a levar a cabo en Marrocos en detrimento das inversións previstas nas Pontes, onde ten proxectada unha fábrica pneumáticos. 

Nunha pregunta formulada á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, Golpe trasladou ao Goberno a preocupación que provocaron as últimas novas desta empresa china na vila e no conxunto da comarca, “onde acabamos de sufrir o peche da central térmica na mal entendida transición enerxética, porque se pechan empresas e se poñen eólicos”, dixo. Unha comarca na que, destacou, unha das empresas máis senlleiras da zona como é Einsa acaba de despedir a centos de traballadores. De aí a preocupación ante a posibilidade de que o grupo chinés abandone o seu proxecto nas Pontes.

En resposta a Golpe, a conselleira asegurou que a Xunta non ten comunicación oficial de que Sentury Tire Spain renunciase a seguir adiante co seu proxecto nas Pontes, declarado estratéxico e que, tal e como destacou o deputado nacionalista, ten previsto crear máis de 700 postos de traballo.

Para destacar a importancia que terá esta empresa na economía da comarca, Golpe destacou ademais que a previsión de Sentury é trasladar dende o porto exterior uns 33.000 contedores ao ano, o que equivale a preto de 65.000 TEU (a unidade estándar para contedores). Actualmente, precisou, o movemento deste tipo de mercadorías acada cifras anuais superiores aos 25.000 TEU.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG