congreso

BNG leva ao pleno do Congreso o recoñecemento da incapacidade permanente coa diagnose da silicose

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego dirixirá unha interpelación á nova ministra de Inclusión, Seguranza Social e Migracións, Elma Saiz, para que se revisen os coeficientes redutores no sector da extracción e a transformación da pedra

Cara a cara de Rego e Puente en sesión de control sobre as medidas que implantará o Goberno para rematar cos retrasos e incidencias no servizo ferroviario na Galiza

O Bloque Nacionalista Galego levará, ao primeiro pleno ordinario da lexislatura, unha interpelación urxente dirixida á ministra de Inclusión, Seguranza Social e Migracións, Elma Saiz, sobre os coeficientes redutores para a xubilacións das traballadoras do sector da extracción e a transformación da pedra e o recoñecemento de incapacidade coa diagnose da silicose. Así mesmo, durante a sesión de control, o deputado do BNG preguntará ao ministro de Transportes, Óscar Puente, sobre a s medidas que adoptará o Goberno para solucionar os problemas existentes no servizo ferroviario na Galiza.

Co obxectivo de que se recoñeza a incapacidade total das traballadoras diagnosticadas de silicose de primeiro grao e mesmo que se apliquen coeficientes redutores para as traballadoras para as traballadoras en empresas de extracción e transformación da pedra -granito e lousa principalmente-, o Bloque Nacionalista Galego levará ao pleno unha interpelación á nova ministra de Inclusión, Seguranza Social e Migracións, Elma Saiz.

Segundo a regulación vixente, a silicose de primeiro grao non se considera enfermidade profesional que determine o recoñecemento dunha Incapacidade Permanente e, para a organización nacionalista, esta situación debe mudar. “A pesar de que existen distintas sentenzas xudiciais que recoñeceron a equiparación, a Seguranza Social segue sen recoñecelo de forma xeral, e obriga ás persoas a recorrer á vía xudicial para logralo” denuncia o deputado do BNG.

Así mesmo, Néstor Rego demandará ao novo Goberno que revise os actuais coeficientes redutores asignados de modo que se equiparen os das categorías da minería exterior (ao descuberto) cos da minería interior. “Débese estender ao subsector de transformación de mineral a asignación de coeficientes redutores para a idade de xubilación xa que os niveis de po e ruído son similares aos da industria extractiva” demanda.

O servizo ferroviario na Galiza: protagonista na sesión de control

Por outra parte, o deputado do BNG intervirá na sesión de control ao Goberno cunha pregunta dirixida ao novo ministro de Transportes e Mobilidade Sustentábel, Óscar Puente, sobre “as medidas que vai adoptar o Goberno para pór fin aos retrasos continuados e incidencias varias nos servizos ferroviarios da Galiza”.

Unha situación caótica, explica Rego, que o Ministerio debe comprometerse a solucionar. “Hai que rematar cos recorrentes retrasos, incidencias, avarías e cancelacións de trens no Eixo Atlántico e nos servizos ferroviarios de Media Distancia na Galiza que están a prexudicar a mobilidade diaria de milleiros de galegos e galegas” demanda Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG