O BNG traslada ao Parlamento a proposta de prorrogar a 2021 a celebración do Día das Letras Galegas adicado á Ricardo Carvalho Calero por considerar que o contexto xerado pola pandemia impediu unha conmemoración que puxera en valor a súa obra e figura, limitando a organización de actos e eventos que serían habituais para difundir e promover o labor desempeñado polo ilustre filólogo e escritor.
Neste sentido, explica a portavoz parlamentaria de Cultura, Mercedes Queixas, o Bloque presentou unha batería de iniciativas que espera reciban o respaldo da Cámara para que o Goberno da Xunta traslade á Real Academia Galega esta proposta, “tendo en conta que o contexto derivado da pandemia non permitiu unha conmemoración como a que se merecía”.
As medidas de confinamento, as fases de desescalada, a suspensión das aulas presenciais nos centros de ensino así como as continuas medidas de distanciamento social e protocolos de prevención sanitaria que se viñeron aplicando e que continúan, seguen a impedir unha celebración da persoa homenaxeada neste ano do Día das Letras Galegas, explica Queixa na proposición non e lei.
Unha imposibilidade, salienta a deputada nacionalista, “que vai máis aló do plano institucional pois tamén limita a difusión da vida, obra e pensamento de Carvalho Calero a través dos centros de ensino, das librarías e bibliotecas públicas ou da importante actividade que o tecido social galego e o asociacionismo cultural de base realizan”.
Por todo isto, o BNG sumouse xa o pasado mes de abril a todo un coro plural de voces que reclamaba prolongar a conmemoración a 2021, que agora traslada ao Parlamento, porque resulta evidente que, mesmo xa camiño do último trimestre e sen plenas garantías sanitarias ante novos gromos, a crise provocada pola pandemia da COVID-19 fai imposíbel o desenvolvemento do Ano Carvalho Calero con normalidade.