- Mini desexa unha pronta recuperación aos afectados e advirte contra a falta de investimentos de Villar Mir nunhas instalacións moi deterioradas
O BNG trasladou aos representantes dos e das traballadoras da planta de Ferroatlántica en CEE o seu apoio aos tres operarios feridos no accidente laboral que tivo lugar no forno número 12 da factoría de Brens, aos que desexa unha total e pronta recuperación.
Ao mesmo tempo súmase ás denuncias de inseguridade laboral reiteradas polo cadro de persoal ante unhas instalacións moi deterioradas pola falta dos necesarios investimentos ao longo das últimas décadas para un correcto mantemento e modernización da fábrica.
Neste sentido, o deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas considera que “esta falta de investimentos na fábrica de CEE non é allea á inseguridade nas instalacións da planta, que tantas veces teñen denunciado os traballadores e os seus representantes pese a reiteración de accidentes laborais nas instalacións que Ferroatlántica ten na Costa da Morte”, alegou.
O BNG lembra que Villar Mir leva décadas “obtendo cuantioso beneficios das súas factorías en CEE en Dumbría, ao tempo que incumpría compromisos de investimento e de creación de emprego” na comarca. Pola contra, os beneficios obtidos polas plantas na Costa da Morte, grazas tamén ás concesións das centrais eléctricas do Xallas, foron destinados a investir sobre todo fora de Galiza.