O BNG insta á Xunta a trasladar aos hospitais a todas as persoas maiores das residencias con Covid19

Pontón denuncia que Feixóo coñecía as deficiencias de moitos destes centros pero antepuxo os intereses desas empresas, vinculas ao PP, ao interese das persoas

Reclámalle ao xefe do Executivo que deixe de escapar do Parlamento e compareza para dar explicacións sobre unha situación que xa foi denunciada ante a Fiscalía

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera urxente que o Goberno galego rectifique a xestión da crise que, desde o punto de vista sanitario, está facendo nas residencias da terceira e que, de inmediato, traslade a un hospital a todas as persoas maiores usuarias deses centros afectadas polo COVID-19, porque existe capacidade para facelo e porque ese traslado supón unha mellor atención sanitaria.

“O BNG demanda da Xunta que rectifique a xestión que está facendo nas residencias nesta crise desde o punto de vista sanitario, porque é evidente que hai capacidade nos hospitais para atender a toda as persoas maiores contaxiadas de coronavirus, que en moitas residencias non é posible darlles a atención necesaria e, por tanto, é imprescindible que se axilicen as derivacións cara os hospitais coa finalidade de garantir unha atención digna para as persoas maiores do noso país”, explica a dirixente nacionalista.

Pontón foi moi crítica co que considera unha xestión “neglixente” por parte do Executivo do PP nas residencias con consecuencias fatais e acusa a Feixóo de mirara para outro lado pese a coñecer a situación de precariedade en moitos destes centros.

“A Xunta sabía da situación de moitas das residencias porque así o denunciou o Consello de Contas nun informe pero, en lugar de actuar, a Xunta mirou para outro lado, e moito nos tememos que a reacción tardía e confusa que tivo nas residencias esconde eses vínculos entre o PP e os xestores desas residencias, e antepuxeron os intereses das empresas privadas que xestionan eses centros por riba do interese xeral, por riba do interese xeral e das persoas residentes”, denunciou Pontón.

No contexto de crise e con os antecedentes denunciados no informe do Consello de Contas, a dirixente insta a Feixóo a dar explicacións no Parlamento da súa xestión nas residencias. “Que máis ten que pasar para que o presidente da Xunta compareza no Parlamento para dar explicación sobre a xestión da crise do coronavirus nas residencias de maiores, moitas das cales soportaron e soportan unha situación crítica e dramática onde a Xunta non estivo á altura das circunstancias coas consecuencias por todas coñecidas e urxe que Feixóo dea explicacións, máxime cando a Fiscalía Superior de Galiza ten en marcha unha investigación ante unha xestión neglixente e que puxo en risco a vida das persoas internadas”.

En concreto, a Federación galega de usuarios de familiares de residencias e centros de dependencia interpuxo unha denuncia ante a Fiscalía Superior de Galiza contra 42 destes centros por considerar que houbo unha actuación neglixente na xestión dos contaxios derivados do coronavirus.

Feixóo, salienta Pontón, “ten que actuar con máis celeridade” ante a situación crítica das residencias de maiores “e dar a cara” no Parlamento de Galiza, deixar de fuxir da Cámara na que reside a soberanía nacional mentres se prodiga na TVG, con 17 comparecencias en directo desde que o 14 de marzo se declarase o estado de alarma, mentres que só acudiu unha vez ao Parlamento.

“Nunha crise destas característica non se pode fuxir do control, do contraste e das críticas, nin das propostas que temos que facer as forzas políticas porque a sociedade galega precisa ver un Parlamento actuando e traballando e arrimando o ombro para saír desta grave crise”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG