Parlamento Galego

O BNG insta á Política Social a poñer en marcha un plan de choque en residencias de maiores, públicas e privadas

O BNG reclama protocolos para o persoal, dotación de medios de protección e test masivos nos centros

O BNG pide declarar “os servizos sociais” como de “interese galego”, mentres dure o estado de alarma

Montse Prado reitera o “recoñecemento” ao persoal sanitario e de Servizos sociais e denuncia os continuos recortes, privatizacións e falta de medios

O BNG pedirá unha Comisión de Investigación sobre  a situación dos servizos sociais e de atención de  maiores, persoas con diversidade funcional e menores tutelados 

A deputada do BNG, Montse Prado instou hoxe á conselleira de Política social a poñer en marcha “un plan de choque” ante a situación xerada nas residencias galegas, tanto privadas como públicas para frear o elevado contaxio e propagación do Covid-19 nun dos  sectores máis vulnerables.

Entre as medidas destacou, establecer protocolos para o persoal dos centros, realizar test masivos, dotar de equipos de protección ao persoal e persoas usuarias, acondicionar os espazos de descanso para o persoal exposto e máxima información aos familiares de afectados e afectadas.

Tras a comparecencia da conselleira Fabiola García, a nacionalista reiterou que é necesario “intervir todas as residencias de Galiza” ante o risco de contaxo e taxa de mortaldade porque en Galiza existe unha  poboación máis envellecida que noutras partes do estado “o 25% da poboación ten máis de 65 anos” e, polo tanto, maior porcentaxe de poboación de risco.

Todas estas propostas, “precisas, urxentes, e de  sentido común” dixo,  enviámosllas ao Presidente, na primeira semana do estado de alarma pero  vostedes “non tiveron ningunha présa en poñelas en marcha”. Hoxe, volvemos a formulas e pedimos que aprendan de erros pasados. A Xunta tivo días de ventaxa a respecto doutras partes do Estado que se viron afectados antes con  grande virulencia e a nosa valoración é que as medidas adoptadas non foron as axeitadas, “tomáronas tarde e seguen sen tomar algunhas que consideramos fundamentais”. Non continúen perdendo “días valiosísimos” e anticípense. Estánse producindo cousas que teñen difícil explicación. Como é posibel que nunha residencia como a de Aldán en Cangas, pasen de 6 persoas contaxiadas a 105 no mesmo día? Cal é a xustificación de non ter actuado antes, cando  era un clamor o que acontecía nesa residencia, igual que na de Barreiro en Vigo ou a de Celanova. Que protocolos de actuación lle teñen esixido ás residencias e que verificación do seu cumprimento fixeron? Que control se está realizando das condicións nas que están a traballar os profesionais, xa moi precarias antes da pandemia? Cal é o protocolo para decidir trasladar ou non a residentes positivos para as chamadas “Residencias integrais” ? Porta do Camiño, Baños de Molgas ou os non positivos para outras? como a de Panxón, cal é o obxetivo desta medida?

O BNG pide que os familiares sexan informados

A parlamentaria do BNG tamén exixiu unha canle de información como aconsella o informe do Comité de Bioética de Galiza porque hai familias, afirmou,  que levan “unha semana  sin saber a evolución das persoas afectadas”.

“Medicalice de forma efectiva as residencias, garanta medidas de hospitalización  para persoas das residencias e permita que as familias que queiran e poidan facerse cargo dos seus familiares no domicilio o fagan sen perder a praza concedida, con todas as garantías, co criterio estrito de que estea confirmado que non son positivos nin a familia nin a persoa residente.

Por outra parte, a deputada do BNG tamén  reclamou  medidas para “axudar ás familias que están pagando prazas privadas, agardando por unha pública”,que queden sen recursos ou os vexan reducidos pola  crise sanitaria.

Recoñecemento a todo o persoal sanitario e de servizos sociais

Na súa intervención, Prado lembrou en varias ocasións o grande esforzo do persoal sanitario e de servizos sociais. “Profesionais que levan anos sufrindo as políticas de privatización, anos de recortes, precarización e falta de medios”. Hoxe, dende aquí, dixo, quero trasladar  o “enorme recoñecemento do BNG a todos e todas elas” así como o “afecto e solidariedade” ás familias e persoas afectadas polo Covid-19.

Por outra parte, o BNG pediu declarar de “interese galego” todos os servizos socias mentres dure o estado de alarma e que a Xunta asuma a dirección e mando dos recursos dispersos, especialmente do Servizo de Axuda no Fogar.

Finalmente, Prado referiuse ao persoal de Axuda no Fogar(SAF) para o que pediu establecer, por Decreto, servizos mínimos con criterios de priorización e anunciou que o BNG solicitará crear unha Comisión de investigación sobre a situación dos servizos sociais, atención social aos nosos maiores, persoas con diversidade funcional e menores tutelados. “Non é o momento de confrontar”, e o momento de actuar pero será necesario tamén  analizar a xestión da crise e responsabilidades, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG