O BNG insta o Goberno español, concretamente o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a opoñerse ao novo recheo portuario no Berbés por carecer de ningunha xustificación e no caso de se materializar, constituír unha nova agresión ambiental a un ecosistema tan valioso como a Ría de Vigo.
O deputado Néstor Rego trasladou ao Congreso as advertencias do grupo municipal do BNG en Vigo que alertan de que a Autoridade Portuaria de Vigo está deseñando novos recheos na ría coa escusa de conseguir máis superficie para desenvolver a actividade portuaria, aínda que “estas obras afectarían negativamente aos sectores do mar (pesca artesanal, marisqueo, mexilloeiro, etc), turismo e á calidade ambiental da ría e dos seus habitantes” subliñou o deputado.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, destacou que por causa desta práctica depredadora, perdéronse os mellores bancos marisqueiros e de pesca, causando a perda de milleiros de postos de traballo e un dano irreversíbel ao ecosistema. “O tempo dos recheos na ría de Vigo rematou” enfatizou.
O BNG non ve preciso seguir ocupando a lámina de auga con novos recheos. A proposta dos nacionalistas para que o porto de Vigo siga sendo competitivo e poda mellorar a súa actividade, pasa por pór en funcionamento o porto seco de Salvaterra-As Neves (PLISAN) cunha liña de ferrocarril que axilice o tránsito de mercadorías entre ambas plataformas portuarias, que potencie o desenvolvemento industrial da provincia de Pontevedra conectando os demais polígonos do interior e modernizando a liña que conecta con Ourense polo Miño.
Pérez Igrexas salientou de que estes proxectos que se promoven sen contar co máis mínimo apoio social e sen o consenso do Concello de Vigo nin de ningún outro actor, quérense impulsar a pesar de que a Autoridade Portuaria carece dunha Delimitación de Espazos e Usos Portuarios nin dun Plan Especial en vigor, documentos estratéxicos e imprescindíbeis para definir e racionalizar a utilización da superficie portuaria.