congreso

BNG insta o Goberno a dar solucións para evitar o fechamento de SIEMENS-GAMESA nas Somozas

Néstor Rego
Néstor Rego (arquivo)
Ante o anuncio de fechamento da planta de construción de pas de aeroxeradores, o deputado Mon Pérez no Parlamento galego e o deputado Néstor Rego no Congreso rexistraron un conxunto de iniciativas instando o Goberno da Xunta e o Estatal a intervir para evitar a paralización da actividade e a perda dos 215 postos de traballo directos. Así mesmo, o BNG demanda que se impulsen na Galiza proxectos para aproveitamento eólico que sirvan para promover e consolidar iniciativas empresariais e o emprego nos sectores relacionados coas enerxías renovábeis.

O Bloque Nacionalista Galego presentou unha batería de preguntas para instar a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado a participar activamente nos foros que se poidan constituír para abordar a problemática da factoría de SIEMENS-GAMESA no Concello das Somozas e intervir decididamente para evitar o fechamento da factoría e a perda dos máis de douscentos postos de traballo directos que dela dependen. A formación nacionalista ve necesario ademais que o Goberno do Estado, dentro das súas competencias, condicione as autorizacións de proxectos para aproveitamento eólico na Galiza a que estes sirvan para promover e/ou consolidar iniciativas empresariais no noso País, así como o emprego nos sectores de actividade relacionados co sector eólico, e as enerxías renovábeis en xeral, primando aqueles que impliquen investimentos de capital, como por exemplo a fabricación de compoñentes.

O BNG advirte que, foi a falta de carga de traballo para o presente ano 2021, o que motivou que a dirección da empresa anunciara xa fai un par de meses ao persoal a súa intención de deslocalizar a actividade. Anuncio que ven de concretarse agora na comunicación formal do fechamento da fábrica e no consecuente despedimento colectivo. “As causas non se lles escapan a ninguén, os modelos de pas que se fabrican nas Somozas son pequenos para os actuais requirimentos do mercado, mais nin a propia dirección da empresa oculta que aínda que existiran pedidos do modelo que fabrican nas Somozas a súa produción sería máis rendíbel na fábrica de Vagos, en Portugal” salientou o deputado do BNG no Parlamento, Mon Pérez que o cualifica de “proceso de deslocalización empresarial de libro”.

A falta dunha verdadeira política industrial tanto por parte da Xunta de Galiza como do Goberno español ten como resultado este escenario absolutamente inaceptábel de desmantelamento industrial, peche continuado de empresas e perda de millares de postos de traballo. Isto demostra a necesidade de pór en marcha políticas de promoción empresarial que superen de unha vez por todas a vella (e fracasada) dinámica de ofrecer prevendas, privilexios ou condicións máis vantaxosas para a produción en competencia con outros países ou territorios. O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, destacou que “as deslocalizacións non deixan de ser unha constante da nosa historia industrial recente e presente”.

Por esta razón, nun momento en que está previsto que a potencia eólica instalada na Galiza pase dos actuais 3.700 MW a 13.700, o BNG considera que non é de recibo que a Xunta non tome medidas eficaces para garantir que este novo boom eólico sirva para industrializar o noso país, servindo tal e como se ven anunciando para a reactivación económica de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG