O deputado do BNG, Néstor Rego, acompañado polo alcalde do Concello de Zas, Manuel Muíño, rexistran iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado estabeleza unha nova regulación que poña fin ao proceso de concentración bancaria e ao fechamento de oficinas no rural. A formación nacionalista reclama unha normativa que evite a continua escalada de abusos bancarios en materia de restrición de servizos, pacto de horarios, incremento de comisións e mesmo a redución do persoal de caixa nas oficinas que están abertas.
A concentración bancaria foi un proceso que comezou tras a crise financeira de 2008. Un proceso acelerado que se explica polo afán de conseguir maiores lucros “do que hoxe son empresas privadas” cando antes existía un sistema como o das caixas “que foi bancarizado e privatizado”. Rego lembrou que nos últimos cinco anos foron “máis de 100 oficinas bancarias que fecharon na Galiza, particularmente en concellos rurais”. Aínda este 8 de setembro fechaban as oficinas dos municipios de Zas, Vimianzo e A Baña “que se están mobilizando para reclamar o mantemento deste servizo, por ser de primeira necesidade”.
A irrupción da pandemia serviu de coartada para avanzar aínda máis no proceso de oligopolización bancaria. Moitas entidades incrementaron as súas comisións e mudaron as condicións das súas contas e produtos. A pandemia e a restrición de movementos serviu tamén como escusa para que as entidades fechasen oficinas en lugar de ampliar horarios e persoal. Chegouse mesmo a pactar horarios de caixa -o que é manifestamente ilegal-, para obrigar as usuarias e usuarios a acudir nas primeiras horas da mañá.
Por este motivo, o BNG reclama unha nova regulación do sistema bancario para pór fin ás políticas de concentración bancaria, ao incumprimento das normas de competencia no estabelecemento de horarios limitados, á redución de persoal, ás comisións abusivas e á restrición de servizos presenciais á cidadanía, elementos todos eles que xeran enormes problemas a moitas persoas. “Particularmente aquelas que viven en zonas rurais galegas máis envellecidas teñen moitas dificultades para se desprazaren a outras localidades ou para accederen aos servizos financeiros de forma telemática” subliña o deputado do BNG.
Con estas iniciativas, a formación nacionalista tamén procura garantir a liberdade de elección das usuarias na prestación de servizos, co estabelecemento dun mínimo legal de atención presencial. “Nin o Goberno galego pode ser alleo a esta situación, nin o Goberno español que ten as competencias na regulación do sistema bancario. O BNG seguirá traballando para que se manteña este servizo a toda a veciñanza de todos os concellos da Galiza” conclúe o deputado do BNG, Néstor Rego.
Pola súa banda, o alcalde do Concello de Zas, Manuel Muíño, que está a encabezar cos rexedores da Baña e Vimianzo as mobilizacións contra o fechamento das oficinas de ABANCA neses concellos, denuncia a ausencia de resposta por parte do Goberno do PP, na Xunta de Galiza. “Para o Goberno galego parece que non é un problema, mais o que se está facendo é excluír duns servizos imprescindíbeis unha porcentaxe elevada de poboación” explica Muíño.
Así mesmo, salienta a necesidade de que as administracións interveñan “e obriguen as entidades bancarias, non só a non fechar as sucursais senón a aumentar os horarios estabelecidos para, por exemplo, sacar diñeiro do banco ou pagar facturas”. Manuel Muiño manifestou a intención de continuar e mesmo intensificar as mobilizacións até lograr frear este proceso de fechamento de oficinas bancarias nos concellos rurais.
Na opinión dos representantes do BNG, iso non se logra “dando cartos públicos ás mesmas entidades que deixan abandonada a veciñanza para instalaren caixeiros automáticos” como pretende Feixoo. “É un verdadeiro despropósito e unha vergoña”, enfatiza Néstor Rego.