Galegas 2020

O BNG insiste en reclamarlle a Feixóo un protocolo para actuar en caso de rebrote

Goretti Sanmartín e Montse Prado
Goretti Sanmartín e Montse Prado
Montse Prado advirte contra os perigos da súa inacción nesta cuestión e pide na manifestación a favor da sanidade pública unha gran mobilización nas urnas de apoio ao BNG para deixar atrás as políticas “devastadoras” do PP

O BNG participou na manifestación en defensa da sanidade pública celebrada en Santiago para, en palabras da portavoz de sanidade e número dous pola candidatura de Pontevedra, Montse Prado, sumarse ás reivindicacións do persoal do sistema público de saúde “porque é o momento de converter os aplausos en condicións laborais dignas para os profesionais da sanidade”.

A pandemia da COVID-19 puxo ao límite ao sistema sanitario,e puxo en evidencia “as consecuencias de dez anos de recortes e privatizacións de Goberno do PP tanto en termos de persoal como de orzamentos, uns recortes que un Goberno liderado polo BNG vai reverter desde o minuto cero”, indicou Prado.

Fortalecer a sanidade pública será unha prioridade para a formación que lidera Ana Pontón, que actuará de inmediato con dúas medidas a adoptar nos cen primeiros días de goberno: convocatoria dunha OPE para cubrir as 6.000 prazas vacantes no SERGAS e un plan de reforzo da atención primaria, -que o PP deixou no chasis-, dotado con 200 M€, “porque se antes da pandemia era urxente agora é imperativo dado o papel de control na COVID19 que se lle adxudica aos centros de atención primaria”, indicou Prado.

A candidata volveu, en nome do BNG, a preguntarlle a Feixóo “onde está o plan, o protocolo da Xunta para actuar ante un posible rebrote da pandemia, para saber exactamente como actuar, que mecanismos poñer en marcha. Por unha vez que deixe de tirar balóns fora, que deixe de poñerse de perfil e de buscar culpables porque estamos falando nada menos que da saúde dos e das galegas, que actúe dunha vez e defina un protocolo desde o Goberno galego para aplicar ante un rebrote, que non teñamos que lamentarnos da súa inacción”.

A portavoz de sanidade e candidata por Pontevedra destacou na manifestación que “a crise constatou que o persoal sanitario é o máis valioso do sistema público de saúde e deu o mellor de si para garantir a saúde da poboación”, por iso, subliñou Prado, “o mellor aplauso e recoñecemento que podemos facerlles é defender os seus dereitos laborais con contratacións estables, rematar coa precariedade, repoñer todas as prazas eliminadas coa taxa de reposición, en suma unha sanidade pública sen recortes nin privatizacións”.

Por contra, Prado tachou de “indignidade” que o candidato do PP conteste a tanto esforzo e entrega persoal cun “cheque-propina” de 250€, ao que @s profesionais se encargaron de responder desde a dignidade, “Feixó non aprendeu nada desta pandemia porque non quere aprender e tras esta crise sanitaria sen precedentes pretende volver ao punto de partida seguindo co seu papel de promotor das empresas privadas ás que lle foi entregando partes moi importantes da sanidade pública”.

A candidata fixo un chamamento aos galegos e galegas para que o 12 de xullo se produza unha gran mobilización nas urnas de todas aquelas persoas que queren deixar atrás once anos de políticas “devastadoras” coa sanidade pública e cos coidados das persoas. “Démoslle unha resposta clara nas urnas collendo a papeleta do BNG”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG