BNG traslada ao Parlamento a ofensiva en defenda da Serra do Suído, a través dunha serie de iniciativas rexistrada na Cámara galega para preservar este entorno ambiental que se estende por un amplo número de concellos ao sur das provincias de Ourense e Pontevedra e que se ve ameazado por proxectos eólicos que terían un enorme impacto ambiental.
BNG considera que os 20 proxectos eólicos previstos no Suído, O Faro de Avión e A Paradanta conforman un megaparque industrial e responden a unha visión economicista, depredadora e de espolio dos recursos locais, que conta co beneplácito e o impulso da Xunta do PP. E están promovidos por empresas do oligopolio eléctrico que procuran maximizar beneficios sen importarlles os graves impactos negativos da construción de pistas de acceso, instalación de aeroxeradores, construción de subestacións e redes de evacuación de enerxía.
Responsables municipais de Fornelos de Montes, Pedro Pérez e Milagros Casal; Covelo, Belén Carballo; A Lama, Xoán Xosé Lois e Antonio Barreiro; e Mondaríz, neste caso o rexedor Xosé Emilio Barros, mantiveron hoxe un encontro no Parlamento co portavoz nacional, Ana Pontón, e coa deputada por Ourense, Noa Presas, e de Pontevedra, Luís Bará e Alexandra Fernández.
Fronte a este modelo extractivo, o BNG defende un plan plurianual de dinamización socioeconómica e o desenvolvemento sustentábel liderado pola Xunta en coordinación cos concellos e deputacións e coa participación das entidades sociais da zona. Ademais, o grupo nacionalista reclama a integración da Serra do Suído e do Alto Tea na Rede Natura, a protección dos humidais, das nacentes e das concas dos ríos Avia, Tea, Oitavén e Verdugo; e a declaración como Ben de Interese Cultural, na modalidade de paisaxe cultural, do extraordinario patrimonio etnográfico da serra.
Ademais de presentar iniciativas nas institucións, o BNG ten en marcha unha campaña de información e mobilización social mediante a organización de charlas, roteiros, recollidas de sinaturas e reunións con colectivos sociais. O obxectivo desta campaña é alertar das irregularidades da tramitación dos megaparques eólicos debido á división fraudulenta dos proxectos en unidades máis pequenas e á ausencia de avaliación ambiental conxunta de proxectos que comparten infraestruturas.