BNG propuxo no Parlamento galego reclamar ao Goberno do Estado a redución do IVE dos produtos pesqueiros, peixe e marisco, do actual 10% ao superreducido do 4%, tendo en conta que se trata de produtos de primeira necesidade e o seu consumo é fundamental para a saúde da cidadanía.
A portavoz nacionalista de Comercio, Carmela González, levou á Cámara galega a través desta iniciativa -que acadou o voto favorable de todas as forzas políticas- as reivindicacións das principais organizacións do sector (Anfaco, Cepesca, Fedepesca, Apromar ou Fenamar, entre outras) que advirten da necesidade da rebaixa no tipo impositivo dada a caída da venda de peixe xa dende 2008 e que se veu agravada co impacto da crise orixinada pola pandemia. A esta necesidade, González engadiu “outro motivo de peso”, os beneficios do seu consumo na saúde da cidadanía.
Neste sentido, recordou que mentres outros produtos como ovos, leite, pan ou froita gozan do IVE superreducido do 4% aplicado aos produtos de primeira necesidade, peixe e marisco seguen cun tipo do 10%, pese a que na maior parte dos países da Unión Europea “si viron a necesidade de fomentar o consumo destes produtos rebaixando o imposto”, recalcou, logo de repasar os distintos tipos impositivos aplicados na UE que oscilan entre o 0% de Malta e o 6% de Bélxica e Portugal.
A deputada do BNG apelou á rebaixa do IVE para, por unha banda, contribuír á recuperación do sector nun momento no que está sufrindo o impacto negativo da crise económica derivada da COVID e, por outro, ao carácter “esencial” que teñen estes alimentos nunha dieta equilibrada, tal e como indican os principais organismos internacionais como a OMS ou a FAO.
Logo de enumerar os distintos beneficios do consumo de peixes e mariscos, González recalcou que, segundo os datos do sector, “os 500 millóns aproximados que Facenda deixaría de ingresar con esta baixada impositiva veríanse compensados coa caída do gasto sanitario por enfermidades relacionadas cunha mala alimentación”.
Así, recordou que a redución nos últimos anos do consumo de produtos pesqueiros (cifrado nun 18% na última década) foi parello ao abandono dunha dieta saudable e ao aumento das patoloxías relacionadas coa nutrición, como a obesidade, o sobrepeso e as enfermidades cardiovasculares, “primeira causa de mortalidade a nivel estatal”.
Por último, subliñou que a caída do emprego e a redución da capacidade adquisitiva das familias galegas van provocar unha mingua importante na calidade da súa dieta e, como consecuencia, unha redución nas ventas de produtos pesqueiros que fará máis difícil a recuperación dun sector fundamental para a economía do país.