O BNG celebrou un cumio municipal para perfilar a estratexia de cara as eleccións locais de 2019, cita na que a formación nacionalista se fixa como obxectivo avanzar en apoio social para conseguir máis Alcaldías e saír das urnas como a alternativa a liderar o desaloxo do PP da Xunta.
“Estamos nun escenario moi voluble pero seguiremos traballando para fortalecer desde os concellos unha alternativa de cambio para este país”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, “como primeiro paso” para que o PP condenado por corrupción sistémica deixe de Gobernar Galiza.
O BNG afronta as municipais coa tranquilidade de ter os deberes feitos e poder presentar un modelo de concellos de éxito, mesmo referentes internacionais, capaces de mellorar a vida da veciñanza e dar solucións aos problemas do cada día. “Temos, unha organización solvente e cohesionada, temos un proxecto de país e temos o aval dos gobernos sólidos e de éxito dos concellos nacionalistas”, subliñou.
A dirixente nacionalista fixo referencia ao contexto político marcado pola moción de censura ao Goberno de Raxoi, tras unha sentenza que determina que o PP é un partido instalado na corrupción sistémica, moción que o BNG apoia como primeiro paso para a rexeneración do réxime do 78.
“Esperamos que esta moción non quede nun xesto pre-electoral e logre desaloxar ao PP por hixiene democrática e pola necesaria rexeneración política que require un cambio profundo dun réxime corrupto”, salientou, ao tempo que destacou que unhas eleccións anticipadas serían unha oportunidade para que Galiza recupere voz propia nun Congreso no que estivo literalmente desaparecida.
“Dure o que dure, esta é unha lexislatura perdida que constatou que Galiza precisa forzas políticas propias de obediencia galega tras tres anos desaparecida do debate estatal, que si protagonizaron vascos e cataláns mentres Galiza estivo ausente”, salientou Pontón, quen ve nun posible adianto electoral a oportunidade de que este país recupere “voz propia”. A dirixente do Bloque tamén salientou que esta lexislatura deixa a imaxe dunha esquerda estatal “desorientada”, incapaz de plantarlle cara a unha dereita “que lle marcou o espazo e o relato”.
Fronte a un PP corrupto e a un Feixóo disposto a ser un “xudas para Galiza”, o BNG está preparado para todos os escenarios e enfronta as eleccións municipais con optimismo e confianza. “Porque os concellos nacionalistas son referentes de honradez, de políticas de benestar, de calidade de vida, de defensa do idioma, de rexeneración urbana e de dinamismo económico e social”, valorou Pontón, ao tempo que enumeraba os “principios estruturais” da proposta do Bloque para pedir o apoio da cidadanía en 2019.
Elección de candidat@s
Concellos que plantan cara á involución democrática e a pretensión de anular os dereitos das nacións, concellos que xestionan sacándolle o máximo rendemento até o último euro, eliminando o malgasto, a chapuza e despilfarro, concellos que apostan pola equidade extrema no trato á veciñanza erradicando favoritismos e privilexios, concellos que promocionan a igualdade de xénero e de oportunidades de acceso aos servizos públicos municipais e concellos que defenden os sinais de identidade como a lingua e cultura.
En relación á elección de candidatos e candidatas, Pontón explicou que o BNG traballa co Día da Patria, 25 de xullo, como data de referencia para ter designadas ás persoas que encabezarán as listas nas grandes cidades, “coa flexibilidade necesaria para que a militancia nas comarcas tome as decisións máis acaídas en canto a persoas e proxectos para cada cidade”, concluíu.