BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que exerza as súas competencias e “medie, non impoña” para acadar un acordo entre os sectores mexilloeiro e percebeiro no conflito ca mexilla. Así o reclamou nunha pregunta parlamentaria a portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, quen asegurou que, ata o de agora, a Consellería de Pesca “fixo deixamento de funcións na súa competencia de lexislar sobre este tema e tamén á hora de sentarse cos sectores e tratar de chegar a un consenso”.
Pérez reprobou o papel xogado polo Executivo galego nesta cuestión, dado que a normativa vixente ata o momento é do ano 2000 e non foi ata o ano 2019 cando decide reformala, “de xeito unilateral e sen diálogo nin consenso cos sectores”, para, ademais, nos últimos días, xustamente antes do comezo da campaña do 1 de decembro, “emitir unha resolución que é absolutamente incendiaria”, facendo referencia á zonificación para a extracción da mexilla que, segundo as e os profesionais do mexillón, lles afecta gravemente.
A deputada nacionalista tamén aludiu á reunión celebrada onte entre a consellería e o sector mexilloeiro e que rematou, segundo recalcou, “co sector dando por pechado o diálogo”, logo dun encontro que cualificou de “fracaso”, dado que “a man tendida en reiteradas ocasións pola conselleira era, en realidade, dicirlles que non se ía mover un dedo”. “O que non se pode é incendiar calquera tipo de vía de negociación que é o que pensamos que debeu pasar no día de onte na consellería”, recriminou.
Logo de afear á directora xeral de Pesca que a súa resposta fose “nun 90% practicamente un corta e pega” da que facilitara fai xustamente un ano a outra pregunta do BNG sobre esta mesma cuestión, Pérez censurou que “agora comeza a campaña do 2021-2022 e estamos peor aínda que hai un ano, cunha situación absolutamente insostible”.
Neste sentido, explicou que o conflito radica en que o sector mexilloeiro necesita esa semente para seguir producindo e o sector percebeiro está recollendo o seu recurso nas mesmas rochas “cunha consellería que nin sequera é capaz de mediar no conflito”, subliñando que, ao longo de todos estes anos e aínda vendo o problema real que supón a semente para cría de mexillón, a Xunta non actuou para solucionalo.
“Hoxe está máis que demostrado que a semente de mexillón pódese obter fóra do medio natural; daquela, por que Galiza, que é punteira e referencia no sector mexilloeiro, pq non é punteira tecnoloxicamente e non está producindo, dende hai tempo, mexilla para solucionar este problema fóra do medio natural e tratar de desestresar o problema que existe nas rochas nas que conviven a semente de mexillón e o percebe?”, cuestionou, para resumir a continuación que “nos atopamos con que aquí estamos cun sector do século XXI indo á mexilla ás rochas e tendo problemas coas e cos percebeiros como no século XX”.
Logo de salientar que a solución ten que chegar coa cesión de ámbolos dous sectores que dea lugar a un punto de confluencia, Pérez rematou a súa intervención asegurando que o conflito “é un tema cuxa resolución corresponde ao Goberno galego”, polo que o urxiu a abordalo con todas as súas forzas: “séntense e fagan todo o que faga falta para acadar unha solución; e dialoguen, non impoñan, dialoguen cos sectores”.