parlamento galego

BNG exixe á Xunta convocar os exames para a habilitación de tradutoras xuradas

Iria Taibo
Iria Taibo

A deputada Iria Taibo denunciou a saturación á que están sometidas as poucas profesionais e a falta de tradutoras das linguas máis demandadas

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Taibo, exixiu na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, actualizar a normativa de habilitación directa de tradutores e intérpretes xurados de galego graduados en Tradución e Interpretación, así como a convocatoria de novos exames para a habilitación de tradutoras e tradutores e intérpretes xurados.

As tradutoras e tradutores xurados son nomeados polo Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, e “son as únicas persoas que poden emitir traducións xuradas”. No noso caso concreto, corresponde á Secretaría Xeral de Política Lingüística a xestión do rexistro de profesionais de tradución e interpretación xurada de galego e de conceder as autorizacións oficiais necesarias para o exercicio da profesión.

Hai dúas formas de habilitarse para desenvolver a tradución xurada: a primeira é por medio dun exame que “a Xunta de Galiza leva 16 anos sen convocar”. E segundo por habilitación directa a través dos estudos universitarios. En referencia a este último punto, a Xunta non actualizou o decreto de 2002 que permitía a habilitación de persoas tituladas que cursaran un número determinado de créditos para certificaren os seus coñecementos. Na actualidade, despois do Plan Boloña (2007), “as novas tituladas non poden habilitarse como tradutoras que ten como resultado, hai moi poucos profesionais”.

“Unhas traducións obrigatorias para moitos trámites que precisa a ciudadanía, e que adoitan ser uxentes” destacou. Ante a demanda que existe do servizo de tradución xurada, o BNG, para non prexudicar os cidadáns e cidadás, solicitou proceder á súa actualización de xeito urxente.

Das profesionais tamén se pode dicir que se ven prexudicadas porque as que traballan están saturadas, “mais como se acaba por transmitir que o galego non serve para isto, moitos clientes, se teñen que repetir, xa van ir directamente ao castelán” sinalou.

Ademais, cando é preciso facer a tradución xurada cara a unha lingua estranxeira, faise imprescindíbel facer unha tradución de galego a castelán e posteriormente á lingua estranxeira, o que supón un custo extra para o cidadán. “Isto é unha solución que resulte útil nin axeitada, tanto porque resulta difícil atopar profesionais de galego a castelán como polo connotación que implica en relación co galego e coa súa utilidade” concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG