O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Paulo Ríos Santomé, preguntou na Comisión 2.ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, polas medidas necesarias para a seguridade e adecuación da estrada PO-551 ao seu paso pola parroquia de Meira no Concello de Moaña.
Paulo Ríos denunciou no Parlamento que “a falta de beirarrúas dunhas boas dimensións” e o estado de deterioro dunha parte importante das mesmas, “están a xerar malestar entre a veciñanza, que senten inseguridade ao transitar por esta estrada PO-551” e advertiu dos riscos reais “de caídas e accidentes”.
A estrada PO-551, ao seu paso polo Concello de Moaña, é unha infraestrutura que percorre a localidade na súa totalidade, “constituíndo a estrada máis importante para a vila” pola que circulan diariamente unha importante cantidade de veciñas e vehículos.
Se ben é certo que se acometeron diferentes obras de mellora para a seguridade viaria en diferentes tramos da PO-551, como o que discorre polas parroquias de Tirán e de Domaio, Ríos Santomé sinalou que o paso desta infraestrutura pola parroquia de Meira “presenta un moi mal estado de conservación”.
O deputado nacionalista apuntou que estes estragos pasan por “beirarrúas afundidas, rotas ou mesmo con buracos que deixan á vista tubaxe polas que é imposíbel transitar cunha cadeira de rodas ou cun carro de bebé”, e onde as persoas con calquera tipo de dificultade na mobilidade están expostas a caídas e a accidentes.
Alén do estado no que se atopan as beirarrúas, Ríos destacou “unha imposíbel accesibilidade en grande parte do percorrido”, o que fai que se obstaculice dun xeito notorio o uso das beirarrúas por parte de persoas que precisas cadeira de rodas ou con outros problemas de mobilidade. “É necesario unha remodelación completa desta estrada, o arranxo das beirarrúas e melloras substanciais na accesibilidade, e que teña como principal obxectivo na calidade de vida das veciñas e veciños que viven e se moven pola estrada PO-551, con especial atención aos tramos que discorren pola parroquia de Meira” concluíu.