Congreso

BNG exixe garantir a viabilidade no estaleiro de Vulcano

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego rexistra iniciativas no Congreso para asegurar a continuidade dos postos de traballo e da actividade de construción e reparación naval no estaleiro 'San Enrique' de Vigo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa reclamando ao Goberno do Estado que adopte as medidas necesarias para garantir a continuidade da actividade de construción e reparación naval no estaleiro “San Enrique” de Vigo en relación coa concesión de dominio público. A formación nacionalista quere coñecer os plans do executivo estatal sobre a antiga Vulcano e exíxelle priorizar os usos destinados á actividade naval e do emprego no estaleiro, para o que é preciso manter a actual concesión no mínimo até 2027.

O estaleiro Vulcano, no barrio vigués de Teis, constituía unha das principais unidades produtivas do sector naval vigués, desenvolvendo a súa actividade por espazo de cen anos, cunha notábel relevancia en termos de impacto socioeconómico, tanto en postos de traballo directos e indirectos como en mobilización de industria auxiliar do metal.

Após o procedemento concursal da antiga empresa que tiña a concesión de dominio público e a transferencia desta a unha nova compañía, Mariña Meridional, comezou a ofensiva administrativa e legal por parte do, por aquel entón, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, que chegou a empregar a propia Avogacía do Estado  co obxectivo de impedir a transferencia dos dereitos concesionais de Vulcano a Mariña Meridional. Para a formación nacionalista, as declaracións do anterior presidente e o actual, Vázquez Almeida, verifican que “a ofensiva administrativa e xudicial emprendida para resolver a concesión de Vulcano estaba motivada no obxectivo de rematar coa actividade de construción e reparación naval e destinala a outros usos, singularmente, os referidos a loxística de contedores”.

A este respecto, resultan tamén moi preocupantes as declaracións do Sr. Vázquez Almuíña en que admite que unha futura nova concesión poida destinarse a usos distintos que os actuais. “Esta decisión suporía un duro golpe para a industria naval viguesa e empresas auxiliares, e conta co rexeitamento frontal tanto de organizacións sindicais, empresariais como da maioría das forzas políticas na cidade de Vigo” afirma o deputado nacionalista.

Por este motivo, Rego reclama ao Goberno do Estado que se adopten todas as medidas necesarias para que se garanta a continuidade da antiga Vulcano, tanto a actividade de construción como a de reparación naval na concesión portuaria do estaleiro. Alén do máis, a formación nacionalista tamén rexistrou preguntas ao Goberno para coñecer cales serán as medidas que ten previsto adoptar e que prioridades de uso terán as instalacións no suposto dunha nova concesión.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG