Así de contudente se manifestou hoxe o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, quen xunto coa voceira nacionalista de Sanidade no Parlamento, Montse Prado, se reuniu cun colectivo de técnicas sanitarias integrantes das listas de contratación que traballan de maneira eventual. Bará e Prado denunciaron que nestes momentos, ademais dos problemas de explotación reiterados e estruturais derivados das políticas de recortes e privatizacións da Xunta, estanse a pisotear os dereitos do persoal aproveitando a crise da COVID-19, ao incumprir as listas de chamada e os pactos de contratación.
Bará e Prado recolleron no encontro virtual as queixas do colectivo polo modo no que a Xunta está xestionando a contratación laboral incumprindo o pacto marco que dá preferencia ao persoal integrado nas listas. O nacionalista destacou que o goberno de Feijóo, por unha cuestión puramente propagandística, está ampliando e prorrogando os contratos realizados pola COVID-19, autorizados e feitos cando non había persoal dispoñible, utilizando este persoal para traballos diversos que non son da súa especialidade vulnerando a lista de chamada.
O cabeza de lista recoñeceu “que compartimos plenamente as demandas do colectivo de técnicas sanitarias”, pero destacou que toda a política laboral do Sergas, en xeral, “é escravista”. A Xunta, dixo Bará, compórtase como a peor das empresas de traballo temporal, cuns niveis de temporalidade e precariedade que non se dan en ningún outro ámbito laboral: “Incumpre e vulnera os dereitos laborais do seu persoal practicando unha especie de escravismo laboral do século XXI levando ás persoas que traballan no Sergas en todos os ámbitos, non só aos técnicos, senón a enfermería e medicina, á situación de explotación”, subliñou.
Bará indicou que o BNG ponse do lado do persoal sanitario. “Queremos denunciar esta situación, apoiar estas e todas as mobilizacións e facer un chamamento á importancia que ten neste momento defender a sanidade pública”, dixo, xa que nesta crise víronse todas as debilidades e fraquezas “ás que nos levou a situación de debilidade e deterioro e redución de persoal e precarización do sistema público”. “Este é o momento máis ca nunca, máis que con aplausos, de defender a sanidade pública con mobilización e co noso voto o próximo 12 de xullo”, subliñou.
Pola súa banda, a voceira nacionalista de Sanidade no Parlamento Galego, Montse Prado, destacou que a pandemia ocasionada pola COVID-19 puxo ao límite no sistema sanitario e evidenciou a necesidade de ter unha sanidade pública ben dotada. “A primeira lección desta crise é que o mellor da nosa sanidade pública son os nosos profesionais. O mellor aplauso que lle podemos dar é respectar os seus dereitos”, dixo.
Por este motivo, Prado demandou da Xunta o remate coa improvisación e a falta de transparencia na contratación. “Non se pode aproveitar esta situación excepcional para fomentar máis precariedade e inestabilidade no persoal do Sergas. A Xunta ten que respectar os pactos de contratación e os chamamentos teñen que facerse respectando a orde das listas. O estado de alarma non invalida as normas existentes nin desbota os dereitos dos traballadores e das traballadoras”, destacou.
Bará insistiu en que é fundamental que a cidadanía que quere unha nova Galiza, “máis xusta e forte”, acuda a votar o vindeiro 12X e aposte por un gran cambio galego que defenda os servizos públicos. “Ese cambio só pode chegar da man do BNG e dunha presidenta como Ana Pontón, con capacidade e dialogante, para estar fronte á Xunta de Galiza”, salientou.