O BNG leva ao Congreso a queixa dunha cidadá que non puido realizar un trámite en galego no Rexistro Civil, pois carecían da documentación na nosa lingua e a tradución da mesma suporía unha demora duns 15 días.
O partido nacionalista lembra ao Goberno que poder realizar estes trámites na lingua oficial que elixa o cidadán ou cidadá é un dereito que debe ser garantido polas Administracións Públicas. Mais estamos comprobando que nas oficinas do Rexistro Civil situadas na Galiza, non é posíbel realizar estas xestións en lingua galega, pois non existen formulario nesta lingua ao dispor da cidadanía.
Néstor Rego recorda o informe que publicaba o Comité de Expertos do Consello de Europa sobre o cumprimento polo Estado español da Carta Europea de Lingua Minorizadas, no que se advertía do incumprimento por parte da Administración Xeral do Estado, que non garante aos galegos e galegas poder vivir con normalidade na súa propia lingua. E fai fincapé no acordo asinado para a investidura, onde ficou expreso o compromiso do Goberno de normalizar o uso do galego na Administración periférica do Estado e na Administración da Xustiza.