O BNG levou ao Parlamento a situación da Casa do Mar de Moaña, sen servizo de Urxencias dende a situación COVID do 2020 e cuxa veciñanza se ten que desprazar a Cangas para recibir este servizo.
O deputado moañés, Paulo Ríos, advertiu ao Goberno do PP que a veciñanza de Moaña “está farta das escusas e das demoras da súa consellería para a restitución do servizo e non entendemos esta agresión continuada”; unha situación na que os Populares, apercibiu, xa non poden atopar máis “escusas”, xa que coa situación COVID do ano 2020 Sanidade decidiu retirar este servizo de Urxencias.
Esta retirado conlevou o traslado do servizo a Cangas, algo que estendeu o problema debido ao “colapso” do PAC desta localidade, que tivo que absorber a demanda do concello de Moaña, unha veciñanza que se ten que desprazar a Cangas. E feito, detallou o parlamentario do Bloque, esta non é a única degradación do servizo que sofre a veciñanza moañesa, xa que Sanidade tamén lle nega unha ambulancia de reforzo, “sabendo que os tempos de resposta aumentaron debido a esta situación vendida como extraordinaria e que intentan que sexa definitiva”, criticou.
O parlamentario do BNG detallou como “as profesionais teñen que desprazarse en servizos de taxi cando as ambulancias están noutro servizo, moitos deles tamén feitos fóra da súa zona habitual, especialmente no concello de Vigo”,e emprazou ao Goberno do PP a “movilizar recursos” para non deixar desatendida esta área.
Fronte esta “demolición da sanidade pública galega”, Ríos concluíu emprazando á Consellería de Sanidade a rematar “o castigo” da veciñanza de Moaña e Cangas e recuperar as urxencias na Casa do Mar de Moaña, así como una ambulancia de reforzo que garanta un servizo rápido e eficaz.